Trátase dunha iniciativa levada a cabo polo CIM da Mancomunidade de Ordes na que a través de obradoiros e actividades innovadoras os máis pequenos e pequenas aprenderán hábitos para desenvolverse en igualdade
A vindeira fin de semana a Alameda de Ordes será lugar de encontro para aqueles nenos e nenas que queiran participar nos obradoiros ‘El poblado de la igualdad’. Unha iniciativa desenvolvida dende o CIM da Mancomunidade de Ordes na que os nenos e nenas poderán aprender relacións igualitarias a través do xogo e de actividades innovadoras, dun xeito moi divertido e rodeados de amigos e amigas. Concretamente vai dirixido a quen teña unha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos, aínda que tamén poderán participar os que teñan unha idade próxima así como os seus familiares e coidadores.
No programa tamén se inclúe unha feira de artesanía e gastronomía. O primeiro día, o venres 25 de setembro, a cita arrancará ás 17 horas, con obradoiros, xogos e contos. Unha dinámica que se repetirá o sábado e o domingo, 26 e 27 de setembro, de 11 a 13 horas, e novamente de 17 a 20.30 horas. Teatro; xincanas; deconstrución de relatos e de contos e xogos cooperativos, pola paz e para a convivencia serán algunhas das actividades nas que se poderán participar de balde.