Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Magalofes que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Magalofes para o sábado 22 de outubro, a partir das 11.00 horas (agrupamento ás 10.45 horas). A andaina comezará no local da entidade para continuar por Picas, Punxeiro, Fontenova, Muíño do Redondo e Igrexa, e volta ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade baixa e cunha duración aproximada de 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do
venres 21 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 630 994 459.
Esta ruta por Magalofes encádrase no programa “Andainas por Fene” que organiza o Concello coa colaboración de distintas entidades veciñais ou culturais do termo municipal. Trátase de saídas de distintas distancias que se completan en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensadas para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que vai comentando o que se vai vendo a cada paso.
Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
Trala saída por Magalofes, a seguinte andaina por Fene será o sábado 29 de outubro por Sillobre, en colaboración coa SCRD Agarimo.