A nova instalación ocupará unha superficie de máis de 466.000 m2, preto do 94% do terreo dispoñible para parcelas na Fase B desta área industrial
A Xunta e a Corporación Hijos de Rivera subscriben a compra dunha parcela no parque empresarial de Morás, no concello de Arteixo, para impulsar unha nova planta de Estrella Galicia, unha iniciativa que foi declarada proxecto empresarial singular polo Goberno galego.
A nova instalación ocupará unha superficie de máis de 466.000 m2, preto do 94% do terreo dispoñible para parcelas na Fase B desta área industrial.
Cómpre lembrar que as obras de urbanización desta segunda fase xa están rematadas e xa foron recibidas polo Concello o pasado mes de xullo. De cara ao futuro, está previsto licitar proximamente o proxecto de urbanización da Fase C.
A Xunta de Galicia, a través de Xestur, encárgase da promoción do parque empresarial de Morás, comprando os terreos e encargándose da súa urbanización para poñer as parcelas a disposición das empresas interesadas en construír as súas instalacións nesta área industrial.
Nesa liña, o Goberno galego xa leva investidos en Morás máis de 88 millóns de euros, tanto na urbanización como na dotación de accesos a este polígono, dos 105,6 M€ previstos. O obxectivo é poñer a disposición das empresas unha superficie de máis de 1,5 millóns de metros cadrados de solo industrial, dos que xa están adxudicados preto do 70%.