O Concello pon en valor este espazo fluvial que destaca pola beleza paisaxística e riqueza medioambiental.
O Concello continúa mostrando o seu firme compromiso coa posta en valor dos entornos fluviais como espazos naturais de gran riqueza paisaxística e valor medioambiental, que ademais son aptos para uso e goce dos veciños e visitantes para a realización de rutas a pé.
Todos os anos desde o Concello impúlsanse actuacións nas marxes dos ríos para acondicionalas, controlar o crecemento da biomasa e mantelas en boas condicións de limpeza. Os labores consisten, esencialmente, na eliminación da maleza na zona de policía de cinco metros desde o leito.
Nesta ocasión as brigadas medioambientais municipais están a centrar a súa actuación no río Vilán -tamén coñecido como Rego de Quenxe- cunha ampla intervención que comprende o tramo de preto de seis quilómetros que vai desde O Cancelo, xunto á glorieta de acceso á autoestrada e ao parque empresarial, ata o límite co municipio de Carballo, afectando por tanto ao paso do río polas parroquias de Cabovilaño e Lemaio.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, reuníronse co persoal das cuadrillas no propio río á altura de Quenxe, lugar no que están a acometer os traballos nestes momentos, para interesarse polo resultado das actuacións.
O patrimonio natural que conforman os ríos laracheses presenta unha especial beleza paisaxística e biodiversidade animal e vexetal que en moitos casos é descoñecida mesmo polas persoas residentes nas proximidades desas zona. Desde o Concello anímase á veciñanza a descubrir eses espazos no entorno dos ríos, tanto o Vilán como o Anllóns, o Acheiro e o Bradoso que, grazas a este tipo de intervencións xa desenvolvidas e as que se están levando a cabo nestes momentos, permiten a realización de andainas.