Monday 25 de November de 2024

Os Xogos de Natación para persoas con discapacidade intelectual terán lugar este sábado en Santiago


As piscinas municipais de Santa Isabel serán o escenario esta fin de semana da 24ª edición dos Xogos Autonómicos de Natación para persoas con discapacidade intelectual. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, que estivo acompañada na rolda de prensa polo secretario de Special Olympics Galicia, Javier García, e Daniel Rodríguez, deportista participante da asociación ASPAS.

Coa celebración deste evento deportivo, o Concello de Santiago renova o seu compromiso co deporte inclusivo e con Specials Olympics Galicia, que reunirá en Santiago a 146 persoas, das cales 86 serán atletas con discapacidade intelectual, 22 serán adestradores, 15 persoas voluntarias e 23 persoas da organización.

O evento, que terá lugar este sábado 15 de outubro nas piscinas municipais de Santa Isabel, iniciarase ás 10:45 e pecharase ás 18:00 h co acto de clausura.

Estes xogos teñen como obxectivo integrar ás persoas con discapacidade intelectual en actividades deportivas normalizadas. A concelleira recordou que “a práctica deportiva de forma continuada favorece o desenvolvemento físico, psíquico, emocional e social da persoa con discapacidade intelectual; a nivel físico mantennos en forma e fomenta hábitos de vida saudables e a nivel psicolóxico axuda, sobre todo nos colectivos con necesidades especiais, a aumentar a autoestima e a fomentar a autonomía”.

Durante a presentación, Javier García, secretario de Special Olympics Galicia destacou o gran compromiso da localidade compostelá co proxecto desta entidade: “Santiago continúa a demostrar que é un Concello involucrado coa inclusión do noso colectivo, tanto a través de xornadas deportivas como esta de natación ou a recente celebración da Marcha Ciclista unificada, como noutro tipo de eventos lúdico sociais como puido ser a celebración da nosa peregrinación xacobea celebrada a principios de xullo”.

Special Olympics Galicia

Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte. Esta entidade integra distintas asociacións de apoio ás persoas con necesidades especiais, entre elas Aspas.