O Concello de Brión habilitará unha nova zona de aparcamento en Lamiño, de modo que haberá ata sete zonas gratuítas diferentes onde estacionar
O Concello de Brión está a ultimar os preparativos para a Romaría de Santa Minia, que terá lugar este venres 25, sábado 26 e domingo 27 de setembro. A coincidencia do Día de Santa Minia en domingo, unida ás previsións de ceos despexados para os tres días, fai prever un incremento substancial do número de romeiros que acudirán a esta cita festiva dende distintos puntos da xeografía galega.
O Concello de Brión xa instalou o alumeado especial que lucirá a carballeira de Santa Minia durante estes días de festa, que será acendido o venres 25 de setembro coincidindo coa primeira verbena coas orquestras Ciudad Cristal e América, e xa hai algunhas atraccións que están comezando a instalarse na zona. Así mesmo, o Concello está a repartir entre os veciños da avenida de Santa Minia os correspondentes pases de circulación para que poidan acceder ás súas vivendas cos seus vehículos, xa que a avenida estará cortada ao tráfico por mor dos máis de 150 de casetas de venda que se instalarán na zona. Aqueles veciños que aínda non o teñan feito, poden recoller os seus permisos na Casa da Cultura.
Seguridade
Ademais, o Concello de Brión xa ten listo o operativo que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local, que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acudan a Santa Minia. O Concello ten habilitadas sete zonas de aparcamento de balde e que estarán convintemente sinalizadas.
Dende Protección Civil aconsellan aos visitantes que se deixen guiar polos efectivos que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento segundo a ocupación de cada parcela. A utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuíto e que non hai que aboar cota algunha. As ducias de autobuses que se agardan farán transbordo no Centro Social Polivalente.
Programa
O venres 25, a festa comezará ás 12:00 horas coa actuación da charanga “Os Campantes” (A Baña). A tarde estará dedicada aos máis pequenos, da man do Mago Romarís e o seu espectáculo “Ilusións Ópticas”, que inclúe obradoiros, exhibición de maxia e unha exposición entre as 17:00 e as 21:00 horas. A nota musical correrá a cargo da charanga “Os Celtas”, que darán paso á primeira das verbenas nocturnas coas orquestras “Ciudad Cristal” e “América”, a partir das 22:30 horas.
O sábado 26, día de Vésperas, a música será a protagonista da mañá coas actuacións da charanga “Os Celtas” (10:00 h.) o grupo de música e danza tradicional “Alxibeira” de Narón (12:00 h.) e a sesión vermú coa orquestra “D´Moda”. Xa pola tarde, ás 17:00 horas terá lugar a actuación de Peter Punk co espectáculo “A chungatrona”, que dará paso a unha das actuacións que máis éxito tivo o ano pasado: Odaiko Percussion Group con “Vaia Banda”, para a que contarán coa colaboración da Banda de Música Municipal de Brión.
A percusión seguirá sendo a protagonista da tarde do sábado coa actuación de Trópico de Grelos (20:00 horas) e coa Charanga Mekánica (19:00 horas), que darán paso á verbena coas orquestras “Capitol” e “D´Moda”. Á medianoite terá lugar un dos momentos máis importantes da festa: a queima da fachada da capela de Santa Minia e unha gran tirada de fogos de artificio.
O domingo 27, día de Santa Minia, o ambiente comezará a animarse a partir das dez da mañá coa actuación dun clásico desta festa: a Charanga Mekánica. Ás 12:00 horas, es escolas de baile, gaita, pandeireta e canto tradicional do Concello de Brión farán unha actuación previa á sesión vermú, que correrá a cargo da orquestra “Passarela”. Xa pola tarde, O Sonoro do Maxín presentará o espectáculo “A onda sonora na rúa”, que dará paso ao XI Certame de Bandas de Música, que este ano contará coa actuación da Banda de Música de Ordes e da Banda de Música Municipal de Brión. Ás sete volven os Festicultores Troupe, este ano co espectáculo “10 anos de festicultura”. Da verbena nocturna do venres encárganse as orquestras “Passarela” e “Aramio”.
No que respecta á parte relixiosa, os fieis que se acheguen durante os días da romaría terán un amplo horario de misas. O sábado 26 (Véspera), as misas serán ás 9:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O día 27, o principal da festa, sucederanse misas a cada hora desde as nove da mañá ata a unha do mediodía, sendo esta última a misa solemne. E pola tarde, de novo misas horarias entre as 17:00 e as 20:00 horas.