Friday 22 de November de 2024

Comezan os clubs de lectura nas bibliotecas de Santa Cruz, Mera e Perillo, con case 100 participantes


Hoxe comeza unha nova xeira dos clubs de lectura e tertulias literarias para persoas mozas e adultas na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, o día 17 na Biblioteca Municipal Mª José Trincado de Mera e o 19 na Biblioteca Central Rialeda (Perillo). Esta actividade está dirixida a maiores de 18 anos e nela realízanse o comentario de obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e á vez, lúdico da lectura.

Na biblioteca de Santa Cruz e en Rialeda hai 2 grupos funcionando en cada unha delas con 19 persoas por grupo. Na biblioteca de Mera son 16 persoas. En total nas tres bibliotecas participan 92 persoas en 5 grupos distintos. Están todos os grupos completos.

Na biblioteca Rialeda as sesións serán quincenais e terán lugar os mércores (agás festivos). Na de Santa Cruz, tamén quincenais, os martes. Ambas ás 17:30 horas. No caso de Mera as sesións serán mensuais e celebraranse os luns ás 19.00 horas.

O principal obxectivo é animar a ler lendo, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista. Preténdese ir descubrindo a maneira de escribir de cada autor ou autora, os distintos estilos, o tipo de linguaxe que utiliza e analizar os textos escritos, os procedementos e características máis importantes de cada obra.

Ao longo dos meses iranse prestando ás persoas participantes diferentes libros de autoras e autores da literatura galega, española e internacional.