Un tramo da Avenida do Mar quedará restrinxido ao estacionamento desde as 20:00h de hoxe martes e cortarase ao tráfico entre as 9:00 e as 21:00h da xornada festiva de mañá mércores
A produtora Portocabo tamén elixiu localizacións en Fene para a segunda temporada da serie “Rapa”, de Movistar+, protagonizada por Javier Cámara e Mónica López. Aínda que a maioría das filmacións se están desenvolvendo na cidade de Ferrol e nas instalacións do Arsenal, dúas das escenas van gravarse durante este mércores na contorna do paseo marítimo de San Valentín. Por este motivo, a partir das 20:00h de hoxe martes e ata aproximadamente as 21:00h de mañá estará prohibido aparcar diante do CPI A Xunqueira e da pista polideportiva de San Valentín. Ademais, entre as 14:00 e as 21:00h de mañá, festivo estatal, tamén permanecerá cortado ao tráfico o tramo da avenida comprendido entre o antigo Mercadona e o parque da Xunqueira. Neste sentido, a entrada e saída do barrio deberá facerse por itinerarios alternativos que estarán debidamente sinalizados pola Policía Local.
Responsables da produtora e do Concello de Fene mantiveron unha xuntanza de coordinación hoxe pola mañá para ultimar os detalles da rodaxe e do despregamento de camións e outros vehículos cargados con material necesario que empezarán a chegar a San Valentín xa na noite de hoxe.
Neste sentido, e de cara a facilitar a produción, reservaráselles estacionamento no aparcadoiro que hai diante do CPI e tamén ao longo dos algo máis de 100 metros que van desde alí até a pista polideportiva anexa ao pavillón. Toda a zona balizarase a partir das 20:00h e prégaselle á veciñanza que, de ser posible, retire os seus vehículos antes desa hora.
A filmación desenvolverase durante boa parte de mañá, 12 de outubro, nas inmediacións do paseo marítimo e principalmente no espazo existente entre o pavillón de o colexio público. As tomas das dúas escenas previstas rodaranse entre as 14:00 e as 21:00h. Durante ese intervalo tamén permanecerá cortado ao tráfico o tramo da Avenida do Mar comprendido entre o baixo onde se encontraba Mercadona e o parque da Xunqueira. Por esta razón a entrada e saída do barrio cara á Avenida das Pías deberá efectuarse pola Avenida da Cooperación e as tres rúas entre bloques máis próximas á rotonda. En calquera caso, os accesos estarán sinalizados.
Uso do pavillón
A loxística da rodaxe tamén requirirá ocupar parte do Pavillón da Xunqueira, que se converterá en espazo dedicado a maquillaxe, vestiario e almacenamento de material desde a tarde de hoxe martes e ata as 21:00h deste mércores, ademais de formar parte do decorado da localización nunha das escenas.
A responsable municipal de Seguridade, Sandra Permuy, explicou tralo encontro coa produtora que a rodaxe de Rapa “unha das series con máis tirón de Movistar+” converterá San Valentín en escenario dunha grande produción audiovisual durante dous días.
“Cada capítulo dunha serie das que se fan hoxe en día move practicamente o mesmo equipo humano e técnico que unha longametraxe”, comenta Permuy engadindo deseguido que o Concello colabora “como non podía ser doutro xeito” facilitando na medida das súas posibilidades “que unha produción desta envergadura tamén mostre un pedazo de Fene, ademais de estar contribuíndo á recuperación dun sector que se viu moi prexudicado pola crise sanitaria e que neste caso concreto lle dá emprego a moitos e moitas profesionais galegas”.
A concelleira tamén quixo agradecer a colaboración veciñal e anticipou as desculpas municipais “polos inconvenientes que a rodaxe poida causar durante estes dous días” que, segundo asegurou, “se verán compensados por poder ver de preto todo o que se move arredor dunha rodaxe”.