Saturday 16 de November de 2024

A Pobra dá a benvida ás XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán


Nesta fin de semana arranca unha das grandes citas culturais por excelencia do calendario do outono na localidade. A vixésimo cuarta edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán concéntranse na última quincena do mes de outubro e trae consigo unha variedade de actividades para tódolos públicos organizadas pola Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).

A Pobra dará a benvida a esta nova convocatoria no venres 14 coa apertura da exposición dos traballos presentados ao I Concurso de Carteis das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Será ás 20.00 horas, no Museo. Deseguido, Xaquín del Valle-Inclán Alsina impartirá a conferencia Valle-Inclán un escritor de éxito? no Auditorio, ás 20.30 horas. As persoas asistentes recibirán como agasallo a lámina gañadora do dito certame, da autoría de Sara Martínez Narváez.

Xa no sábado 15 transcorrerá a vertente literaria coa presentación da publicación de banda deseñada Valle-Inclán, los años del esperpento, de Manuel López Poy. Será ás 20.30 horas, no Auditorio.

E, no domingo 16, MyH Producciones subirá ás táboas do Elma para interpretar Luces de bohemia de Ramón del Valle-Inclán, ás 20.00 horas, destinada a público adulto.

A entrada para todas estas actividades é libre ata completa-la cabida.