Saturday 16 de November de 2024

Belén do Campo recibe ao alcalde de Ponteceso, Lois García, para avanzar na colaboración entre a Xunta e o Concello


A delegada territorial comprometeuse a ofrecer todo o diálogo e cooperación para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas en asuntos como a mellora da mobilidade no municipio

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, vén de recibir no seu despacho ao alcalde de Ponteceso, Lois García, e ao concelleiro de Infraestruturas, José Manuel Pose. Trátase do primeiro encontro desde que o novo rexedor chegara o cargo e que serviu para analizar os distintos proxectos que a Xunta está a desenvolver na vila, así como as necesidades actuais que expuxeron os representantes municipais.

Neste senso, tanto a responsable autonómica como o local acordaron as principais liñas de actuación no municipio en ámbitos tan diversos como o educativo, o empresarial, o sanitario ou a xestión medioambiental. Así mesmo, un dos asuntos destacados da xuntanza foi a mellora da mobilidade no concello.

Ao respecto, Do Campo ven de dar traslado á Dirección Xeral de Mobilidade da preocupación dos habitantes do núcleo de Corme pola diminución de varias frecuencias de autobús de conexión con Carballo, polo que o departamento autonómico acaba de abrir unha investigación para determinar a responsabilidade da empresa concesionaria nesta problemática, co fin de ofrecer unha solución no menor espazo de tempo posible.

Desta forma, a delegada territorial ofreceu ao rexedor de Ponteceso “todo o diálogo e colaboración”, así como o apoio da Xunta, co fin de obter a cooperación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas das veciñas e veciños.