Tamén se acordou a modificación da ordenanza do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha para incrementar o horario nas vacacións e aumentar as prazas no CEIP Otero Pedrayo.
10 de outubro de 2022. A Conta Xeral do exercicio económico 2021 foi aprobada hoxe polo Pleno co voto a favor do grupo de goberno (PP) e as abstencións dos grupos socialista e nacionalista. O alcalde, José Manuel López Varela, apuntou que durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións ao documento, cuxo último trámite será a remisión ao Consello de Contas para a súa fiscalización.
Como datos máis salientables, o orzamento definitivo do pasado curso, equilibrado en gastos e ingresos, péchase en 12.928.015,99 euros, o que significa un incremento próximo ao 56 % con respecto ás previsións iniciais (8.305.000 euros).
No que atinxe aos pagamentos orzamentarios, realizáronse o 100 % das obrigas recoñecidas, un dato que debe analizarse conxuntamente co estrito cumprimento durante os catro trimestres dos prazos de pagamento a provedores, que se efectuaron nunha media de 8,54 días.
As contas tamén arroxan un remanente líquido de tesourería para gastos xerais que ascende a 1.885.41,43 euros, parte dos cales xa foron incorporados nos orzamentos do ano en curso como suplementos de crédito e créditos extraordinarios para o financiamento de investimentos en infraestruturas e outras iniciativas de interese xeral.
Por outra banda, no Pleno extraordinario tamén foi aprobada, neste caso por unanimidade, a modificación da ordenanza reguladora do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha. O propósito foi introducir dous cambios que permiten adaptar a normativa ás necesidades de conciliación das familias usuarias. Así, queda ampliado o horario do servizo durante os períodos de vacacións nos centros de ensino (Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán) para ofrecelo de 7:00 a 14:00 horas (anteriormente contemplábase comezar ás 8:00 h) e incrementar ata 120 as prazas dispoñibles para o alumnado do CEIP Otero Pedrayo xa que, como explicou o alcalde, as 80 que se ofertaban inicialmente xa están practicamente cubertas.