A duración é de catro anos e o valor estimado supera os 440.000 euros.
O alcalde, José Manuel López Varela, e Manuel Amado Souto en representación da empresa larachesa que é a nova concesionaria do servizo de mantemento das zonas verdes públicas, formalizaron hoxe o contrato que entrará en vigor a partir de mañá.
A finalidade deste contrato é a conservación da vexetación das principais áreas recreativas e de descanso, prazas, xardíns e parques públicos, paseos fluviais e marítimo e entornos de edificios, instalacións e equipamentos de titularidade municipal.
Os servizos que comprende son a continua conservación en bo estado, o coidado das especies vexetais, a poda das árbores na época máis conveniente e o mantemento dos sistemas de rego automático nos seguintes espazos públicos:
• Torás: prazas do Concello, Maximino Canedo, O Recreo, da Cultura, Olonne sur Mer, Anselmo Graíño (igrexa parroquial) e piscina; área recreativa de Gabenlle e o seu entorno, sendas peonís da AC-552 e da vía A Cheda-Gabenlle; IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo e escola infantil da Laracha; aparcamentos públicos de vehículos, nova zona deportiva xunto ao IES Agra de Leborís e área de recreo canino.
• Lestón: recinto feiral de Paiosaco, xardín xunto ao centro sociocultural, praza do Cruceiro, campo de fútbol A Porta Santa, senda peonil da AC-552 e aparcamentos públicos.
• Caión: paseo marítimo ao completo, aparcamentos xunto á praia, noiros da praza Eduardo Vila Fano e próximos ao porto, praza da Ribeira, entorno do colexio e intersección das rúas Méndez Núñez e Campo da Insua.
• Cabovilaño: urbanización Monte Claro e áreas de descanso de O Regado e O Vilar.
• Golmar: entorno do Museo dos Muíños.
• Lemaio: O Igrexario e entorno do cemiterio.
• Montemaior: O Igrexario (praza e entorno da escola) e Cumiáns (escola e pista polideportiva).
• Soandres: entorno do mosteiro.
• Lendo: entorno do centro sociocultural.
• Vilaño: praza da Areosa.
• Soutullo: praza no entorno da igrexa e aparcamento.
• Parque empresarial: glorieta e senda peonil de acceso e entorno do viveiro de empresas e da nave do centro de emerxencias municipal.
En total todos estes espazos públicos suman unha superficie de 85.108 metros cadrados.
Ademais, inclúese por primeira vez a conservación das corenta e sete xardineiras que están colocadas nos núcleos urbanos, contemplándose a posibilidade de incrementar esa cifra.
Este contrato ten unha duración de dous anos prorrogables por outros dous máis. O seu valor estimado supera os 440.000 euros polas catro anualidades. O servizo é financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.