Trátase da programación da compañía nas súas catro conexións operadas desde Alvedro
A tempada comezará na última semana de marzo de 2023 e terminará a finais de outubro
Volotea, compañía aérea coa que o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña mantén contrato de promoción turística da cidade, puxo en venda os billetes dos voos con Bilbao, Valencia, Málaga e Menorca.
Trátase da programación da compañía para o próximo verán, nas súas catro conexións operadas desde Alvedro. A tempada comezará na última semana de marzo de 2023 e terminará a finais de outubro. A conexión con Menorca, que terminou este ano o 29 de setembro, estará activa o próximo exercicio tres semanas máis.
Frecuencias
A partir do 3 de abril, os voos con Bilbao serán os luns e os venres. Con Málaga, desde o 4 de abril, os voos directos serán os martes e os venres (ata o de agora eran os luns e os xoves).
Valencia manterá as dúas frecuencias semanais, aínda que serán os luns e xoves a partir do próximo 3 de abril. Pola súa banda, con Menorca as conexións serán os luns e os xoves, desde o 29 de maio ata o 5 de outubro.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.