Friday 22 de November de 2024

As concellarías de Benestar e Terceira Idade completan con cursos de memoria o programa anual de envellecemento activo


O alcalde e a concelleira Maica Ures visitaron, acompañados polo presidente de Afaber, ás participantes no primeiro dos nove grupos previstos

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, as concellarías de Benestar e Terceira Idade presentaron unha nova proposta coa que pretendemos contribuír a que as persoas poidan permanecer activas durante máis tempo na sociedade. No noso concello hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos, a idade a partir da cal a Organización Mundial da Saúde recomenda promover políticas de envellecemento activo, que é, ademais, un dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030.

A OMS sustenta o envellecemento activo en tres piares: a actividade física, que dende o Concello de Carballo promovemos co programa de exercicio físico que arrincará o 24 deste mes con máis de vinte grupos de participantes repartidos por 12 parroquias (o prazo de inscrición remata este venres 14); a participación social, que canalizamos a través dos consellos parroquiais, as sesións de baile para maiores ou creando puntos de encontro nos centros sociais, e o benestar mental. Atender este último aspecto é o obxectivo do programa de atención e promoción do envellecemento autónomo e saudable que levaremos a cabo, a través de Afaber, ata o mes de maio.

Presentárono hoxe o presidente de Afaber, Jesús Villar; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que previamente realizaran unha visita ás instalacións de APEM (Asociación pro enfermos mentais) aproveitando a xornada de portas abertas con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. “Entidades como APEM e Afaber –dixo o alcalde- demostran a capacidade que ten un concello e unha comarca como a nosa. É moi necesaria a colaboración entre concellos e entidades, porque as entidades aportan moito esforzo, moito voluntarismo, moito sacrificio persoal e renuncia ao seu tempo de ocio e familiar, e penso que a sociedade nunca estará suficientemente agradecida polo traballo que están a facer”.

A xornada rematou cunha visita ás participantes no primeiro obradoiro, que se leva a cabo no Pazo da Cultura de Carballo. Nos vindeiros días poñeranse en marcha máis, ata un total de nove, xa que, como indicou o presidente de Afaber, a asociación non pode asumir máis a un tempo. Polo momento hai solicitudes para Sísamo, Sofán, Lema, Razo e Noicela-Rebordelos, onde se poñerán en marcha en breve sempre que conten cun mínimo de 15 participantes. Con esta intención abrirase un prazo de inscrición para que poidan sumarse as persoas interesadas ata completar os nove talleres previstos para este curso.