Amplíase o horario de apertura ao público das instalacións
O ximnasio municipal do Forte vén de reabrir as súas portas despois das obras de renovación destas instalacións deportivas acometidas polo Concello de Boqueixón durante as últimas semanas. Uns traballos que permitiron dotar ao ximnasio municipal dunha nova sala de adestramento funcional e dun novo sistema de acceso.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “a nova sala de adestramento funcional do ximnasio do Forte conta cun novo equipamento que permitirá aos nosos veciños e veciñas facer exercicios que traballan os grupos musculares de xeito global e que son moi beneficiosos no adestramento enfocado á saúde”. Así mesmo, destaca que “instalamos un novo e sinxelo sistema de acceso ás instalacións, de forma que cada persoa usuaria disporá dun código personalizado de entrada”.
O Concello de Boqueixón organizou unha xornada de portas abertas para que as persoas usuarias puideran coñecer as renovadas instalacións e resolveran as dúbidas que se lles puideran xurdir. A maiores, o Concello ampliou o novo horario para o desfrute destas novas instalacións, incorporando as mañás dos sábados (de 10:00 a 14:00 horas) e aumentando en 3 horas e media a apertura de luns a venres, de 9:00 a 22:30 horas de forma non interrompida. O abono do ximnasio municipal é de 20 euros/mes e as persoas interesadas en anotarse deben dirixirse ao Departamento de Deportes (981 513 061 ou no mail deportes@boqueixon.com).
Actividades deportivas
Por outra banda, esta semana deron comezo as actividades deportivas e para adultos do Concello de Boqueixón, nas que participan 177 persoas. Unha oferta que inclúe: pilates, zumba, bailoterapia e ximnasia de maiores. As actividades terán lugar entre outubro de 2022 e xuño de 2023. Os horarios están dispoñibles na web municipal.
Os grupos de zumba en Lestedo e Camporrapado aínda non darán comezo ás súas clases, xa que non se reuniu o grupo mínimo de 10 persoas participantes. Polo tanto, o Concello manterá aberta a inscrición durante a próxima semana por se se puidera conformar grupo.
A actividade máis demandada deste ano foi a do ximnasio municipal do Forte, con cincuenta peticións. Séguena pilates (48 persoas), zumba (19 persoas), ximnasia rítmica (19 persoas), ximnasia para maiores (16 persoas), bailoterapia (15 persoas) e patinaxe (10 persoas).