Os debuxantes Siro López, David Pintor e Andrés Meixide formarán parte do xurado do certame
Finalizado o prazo de presentación de debuxos para o XIX Concurso de Humor gráfico “Curuxa do Humor”, organizado polo Museo do Humor do Concello de Fene, a Concellería de Cultura informa que se presentaron 20 orixinais a esta convocatoria. A procedencia dos mesmos é moi variada, remitíndose dende cidades e vilas tan dispares como Fene, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Zaragoza, Sevilla, Picassent (Valencia), Alicante, Arrigorriaga (Vizcaya), Barcelona ou Azuqueca de Henares (Guadalajara).
Todos os/as participantes optan ao premio na categoría “Curuxa” (para maiores de 25 anos), non rexistrándose nesta convocatoria ningún participante na categoría “Curuxa nova” (para menores de 25 anos).
O xurado do certame, formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Cultura, Amalia García, o xestor de actividades culturais do Concello, Daniel Romero, e os debuxantes Siro López, David Pintor e Andrés Meixide reunirase o venres 9 de outubro ás 12.00 horas para elixir ao/á gañador/a do certame que se dará a coñecer a través da páxina web municipal www.fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación.
CURRÍCULO DOS MEMBROS DO XURADO
SIRO LÓPEZ (Ferrol, 1943) Dende 1970 ata o 2006 adicouse a facer debuxos de humor e caricatura política en distintas publicacións galegas, salientando os seus traballos para o xornal La Voz de Galicia (publicación á que estivo vencellado máis de trinta anos). Publicou dezaseis álbumes de temática variada, dende a caricatura e o humor á ilustración, o desnudo feminino e o retrato. Realizou para o Proxecto Galicia (2004), de Hércules Edicións, as ilustracións dos dous volumes adicados á Antropoloxía.
En 1990 deseñou a Praza do Humor da Coruña, único recinto urbano destas características, que pretende ser “unha homenaxe aos grandes humoristas do mundo, dende Galicia e en galego”. Tamén é autor dos Murais en Obras de Porto, de Ribadeo, realizados en 2004.
Realizou exposicións individuais en grande parte de cidades e vilas galegas e en Madrid, Barcelona, Bilbao, Vila Real e Lisboa. A súa obra está representada no Museo Municipal de Ferrol, no Museo Carlos Maside de Sada, no Museo do Humor de Fene, na Fundación Araguaney e no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela. Tamén se amosa na Casa Museo de Rosalía (Padrón) e na de Otero Pedrayo (Ourense), nas coleccións de Caixa Galicia e Novacaixagalicia, na Universidade de Santiago, no Parlamento Galego, no Ministerio de Sanidade e no Congreso dos Deputados (Madrid).
Na actualidade compaxina os seus traballos e colaboracións como debuxante, pintor e xornalista coa presidencia do Club de Prensa de Ferrol.
DAVID PINTOR NOGUEROL (A Coruña, 1975) Humorista gráfico, ilustrador e pintor. Dende 1993 forma parella artística co escritor e guionista Carlos López, publicando como “Pinto&Chinto” as súas viñetas diariamente no xornal La Voz de Galicia. Tamén ten publicado noutros xornais e revistas como Diario de León, Diario 16, La Voz de Baleares, El Correo Gallego, The Wall Street Journal, Golfiño, BD Banda, Retranca, etc.
En 2011 foi finalista dos premios CJPicture Book Awards. Tamén foi incluído na lista The White Ravens (anos 2009, 2011 e 2015); seleccionado para expoñer a súa obra en varias edicións da Bienal da Ilustración de Bratislava (anos 2009, 2011, 2013 e 2015) e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (anos 2007, 2010, 2011 e 2013).
Recibiu, entroutros, o premio da Society of News Design, o Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Clermont-Ferrand 2011 de cadernos de viaxe , o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol, a Curuxa Gráfica 2007 (Pinto&Chinto), o premio especial no Festival Nami Island International Ilustration Concours (edicións 2013 e 2015), o Premio Mingote 2013, etc. En 2011 tamén estivo nominado para o Premio Nacional de Ilustración.
A día de hoxe, ten publicado/ilustrado máis de cincuenta libros. Os últimos en saír do prelo foron “Il fantástico mondo di Alice” (Lapis eidizioni, Italia), “Barcelona” (Kalandraka, 2015) e “La piccola grande guerra” (Lapis edizioni, Italia).
ANDRÉS MEIXIDE GAYOSO (Vigo, 1970) Desde moi novo adícase ao mundo da ilustración, debuxando para diversas editoriais galegas. Ten colaborado con publicacións como “Tempos”, “Ceo Negro”, “BD Banda” ou “Golfiño. A súa obra está publicada en diversas editoriais: Xerais, Editorial Planeta,
Galaxia, Everest etc.
Na súa faceta de deseñador, é o responsable de numerosas campañas publicitarias tanto para empresas públicas como privadas e coordena proxectos de edición de libros.
Polo seu traballo, ten conseguido varios galardóns, entre eles o primeiro premio do Salón do Cómic de Vigo pola obra “Abrir Vigo ao mar”, o 2º premio no XI Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 95 por “O asasino chamábase Roger” ou o 2º premio no XII Concurso Galego de BD (1996) por “A dous centímetros”. No ano 2006, ilustra o libro “Conto para non comer”, premio internacional White Ravens. Tamén foi director de arte da publicación anual Galicia Selecta , premiada no 2008 como mellor publicación pola AEEPP e foi finalista en varias ocasións no
Premio internacional de deseño Francisco Mantecón.
Con todo, o seu traballo máis recoñecido é “Thom”, tira de humor diaria publicada no xornal A Voz de Galicia. No ano 2014 publicou “Thom”, con prólogo de Gallego&Rey, un libro no que compila perto de 300 tiras cómicas protagonizadas polo popular granxeiro.