Friday 22 de November de 2024

A Policía Autonómica esclarece en colaboración con axentes ambientais un incendio forestal no concello coruñés de Boiro


— Foi investigada unha persoa que realizaba labores de corta, xa que o lume se iniciou pola caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico

— No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela en colaboración con axentes ambientais do Distrito Forestal IV – O Barbanza veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o pasado 20 de setembro no concello coruñés de Boiro. O lume produciuse no lugar de Cadarnoxo e afectou 100 metros cadrados de superficie rasa.

Tras constatar que o lume se iniciou pola caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico, tomóuselle declaración a unha persoa que realizaba labores de corta como presunta responsable.

O atestado policial foille remitido ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios e forestais de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.