A alcaldesa presidiu a lectura do manifesto do Día Mundial da Saúde Mental
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a lectura do manifesto do Día Mundial da Saúde Mental, en María Pita. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e diferentes membros da Asociación Pro Enfermos Mentais Galicia-Coruña, entre eles o seu vicepresidente, Jaime García. Asistiron tamén usuarios, usuarias e familiares vinculados a esta entidade, que luciron pezas de roupa de cor verde para visibilizar estas enfermidades.
Inés Rey pediu durante a súa intervención unha maior implicación da autoridade competente en saúde mental, o Sergas, a través da Xunta de Galicia. Destacou, ademais, os avances acadados este ano neste eido desde o Concello da Coruña, que contará, en moi pouco tempo, co seu primeiro Plan de Saúde Mental, en proceso de licitación. “Este plan protexerá os dereitos das persoas con problemas de saúde mental e reforzará a colaboración coas asociacións, así como a participación cidadá. A infancia e a mocidade, así coma as persoas en situación de vulnerabilidade social, serán a nosa prioridade”, apuntou a rexedora.
A alcaldesa tamén apuntou a necesidade de traballar de maneira conxunta con outras administracións e asociacións do sector. O Goberno municipal, en colaboración coa Fundación María José Jove, puxo en marcha este ano o proxecto Norte, un programa pioneiro orientado á xuventude para a prevención de condutas autolesivas. “Pero debemos traballar todos unidos. Administracións e asociacións. Só así conseguiremos un avance real neste eido”, sinalou Inés Rey.