Continúa na Pobra do Caramiñal a campaña de divulgación dos beneficios da compostaxe comunitaria que se puxo en marcha a mediados do mes de setembro como unha medida en materia medioambiental que tamén contribúe á inserción laboral das persoas con diversidade funcional.
Impulsada pola Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), coa colaboración da Asociación Amicos, a dita acción busca informa-la veciñanza sobre o mencionado modelo de compostaxe, o seu funcionamento e os recursos que a Administración local pon ó seu dispor.
As visitas realizaranse na área de influencia de Venecia do día 10 ata 14 de outubro (agás no día 12, que é festivo) durante as mañás, de 09.30 a 13.30 horas, mentres que do día 17 ata o 21 se procederá na quenda de tarde, en horario de 16.00 a 20.00 horas. A persoa da entidade encargada de ofrece-la información irá identificada cos logos das dúas institucións promotoras.
As tres illas da compostaxe comunitaria sitúanse na zona do Castelo (entre o edificio de usos náuticos e as pistas deportivas), de Venecia (na contorna do paseo da Xunqueira) e do Caramiñal (a carón das pistas de Raquel Fernández Soler). Os colectores están xestionados por persoal municipal.
O prazo para presenta-las solicitudes de participación prosegue aberto. O trámite pódese efectuar no rexistro, tanto físico coma telemático, logo de cubri-lo documento pertinente. Recibirase formación, contacto para resolver dúbidas, un caldeiro e as chaves dos contedores.
Este modelo implántase no municipio mediante unha subvención da cal resultou beneficiaria a Administración local, ó abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2019 e 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).