PP e PSOE aproban unha moción do grupo popular contra a ocupación de vivendas
A corporación de Lousame celebrou na noite do venres 7 de outubro a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de setembro, que se adiou unha semana por motivos de organización. Na sesión aprobouse unha declaración institucional de apoio á pesca de arrastre de fondo fronte aos ataques que está a sufrir o sector dende a Comisión Europea.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de dar lectura á declaración, que respalda o manifesto elaborado polo Consello Galego de Pesca e os representantes do sector. Así, o Concello de Lousame instou á Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España “un rexeitamento aos ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir dende a Comisión Europea e que defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea”. Así mesmo, solicítanlle a anulación do Regulamento que determina as zonas de pesca en augas fondas e que entrará en vigor en próximos días. A proposta foi apoiada polos tres grupos municipais sen debate algún.
Ocupación de vivendas
Tamén saíu adiante, cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG, unha moción do grupo municipal popular contra a ocupación de vivendas. Teresa Villaverde instou ao Goberno de España a “endurecer as penas no caso das ocupacións, a proceder ao desaloxo da vivenda ocupada en 24 horas por parte da Policía” e, no caso concreto dos concellos, “evitar a inscrición no padrón dun ocupante ilegal e, no caso de que se inscribira, que se considere nula, non atribúa ningún dereito e que o Concello poida dar de baixa esas inscricións”.
O voceiro do BNG, Anxo Moledo, asegurou que a moción buscaba “abrir un falso debate e crear alarma social”, acusando aos populares de “mesturar o fenómeno okupa coas mafias, que hai que combater”. Unhas afirmacións ás que Villaverde Pais respondeu lembrando que “en Lousame deuse algún caso de ocupación de vivendas e tamén na comarca”, lamentando que o portavoz do BNG defendera o fenómeno da ocupación e non a “aquelas persoas que con moito esforzo se fixeron cunha vivenda e están desprotexidas”.
Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade dúas pequenas modificacións de crédito a través de transferencias de cartos entre distintas áreas de gasto. A primeira, por un importe de 9.283 euros, e a segunda por 4.384 euros.