Friday 22 de November de 2024

O PP propón ao Goberno a ampliación de horarios da Biblioteca Central e a creación dun servizo de préstamo a domicilio destinado a persoas con dificultades de movilidade


– Consideran que o gasto en facilitar o acceso e achegamento da cultura ao domicilio daqueles veciños con especiais impedimentos de mobilidade é mínimo e sempre rendible, mesmo máis que outros que, a priori, puidesen semellar máis produtivos, populares ou urxentes.

– Apuntan que as novas tecnoloxías, que hoxe día conviven cos libros dentro da rede de Bibliotecas Públicas, deben estar ao dispor do cidadán coas mínimas limitacións horarias, polo que a usual concepción da Biblioteca como lugar de paso e consulta debe ser substituída por unha noción máis ampla e moderna, adaptada ás actuais demandas e necesidades sociais.

En resposta ás novas necesidades sociais que os populares veñen advertindo en relación á Rede Municipal de Bibliotecas de Cambre, a formación cambresa propón que as mesmas presten unha maior cobertura de horarios para facilitar o estudo e a investigación, así como que se oferte un novo servizo de préstamo “ a domicilio “ a usuarios con problemas de mobilidade.

En tal sentido, os populares de Cambre insistiron na necesidade de modernizar o concepto usual de Biblioteca entendido como simple centro de consulta e préstamo, para substituílo por unha concepción das bibliotecas públicas máis ampla e acorde coa realidade actual.

Afirma a formación popular cambresa que as bibliotecas deben ser consideradas pola administración local, non só como centro de préstamo, senón como lugar de encontro e centro de estudo e investigación ,poñendo en valor o magnífico servizo que as bibliotecas municipais prestan á sociedade, razón
pola que – explican – debe fomentarse o seu uso ininterrompido mediante a ampliación de horarios, #a fin de que os usuarios e, en especial, os estudantes, cren hábitos de traballo individual e en grupo, moitos dos cales , por diversos motivos, non poden materializalo de forma eficiente nos seus fogares ou, simplemente, porque nestes espazos habilitados aumenta a súa concentración e estímulo, ademais de crear motivacións disciplinarias en canto ao cumprimento de horarios de traballo.

Recalcan que “non pode esquecerse o feito de que as bibliotecas son espazos libres e gratuítos, o cal constitúe un ben fundamental para calquera tipo de economía familiar e contribúe a brindar as mesmas
oportunidades culturais e formativas a todos, o que permite xerar maiores niveis de creatividade e innovación en condicións de igualdade “.

Para iso, consideran necesario demandar á administración local a procura dun equilibrio entre o interese económico municipal e o beneficio social, polo que entenden que a proposta resulta razoable sen alterar aquel de ningún xeito.

Propoñen en consecuencia, unha ampliación de horarios progresiva que, comezando pola Biblioteca Central de Cambre, por ser este o edificio mellor dotado para o efecto, materialícese na apertura da mesma de forma ininterrompida en tempada de inverno, desde as 8:30 horas da mañá ás 21:00 horas da tarde e; en tempada estival desde as 8:30 da mañá a 16:00 horas da tarde.

En consonancia con dita proposta, expoñen como unha opción máis que viable, a creación dun servizo de préstamo de libros a domicilio destinado a persoas con dificultades de mobilidade permanentes ou transitorias, como enfermidades, maternidade, coidado de familiares…

Devandito servizo, afirman, prestaríase cada quince días mediante o uso dun vehículo municipal destinado á repartición e, ao tempo, á recollida por parroquias, do material bibliográfico previamente reservado polo usuario, ben por vía telefónica, ou ben por vía telemática.

Esta última proposta – lembran- resultou aceptada polo goberno local en resposta a un rogo presentado polos populares a principios de 2021, polo que instan á concellería de Cultura á súa posta en marcha, polo escaso custo e medios que o servizo móbil supón en relación aos beneficios sociais que xeraría.

Insisten en que o servizo comunmente coñecido como “ Biblioteca Móbil “ pode ser prestado polo mesmo persoal municipal destinado a cubrir os horarios adicionais da Biblioteca Central, ou ben pode ser obxecto de contratación como servizo polas vías reguladas na propia Lei de Contratos do Sector Público, pola que interesan ao goberno local que solicite os informes técnicos que, no seu caso, considere oportunos.