— Belén do Campo subliña que Galicia foi a Comunidade máis áxil en convocar as axudas a concellos, entidades e órganos xestores nestes espazos naturais e tamén foi das primeiras en alcanzar as metas fixadas en canto a hectáreas de actuación
— Propón a posibilidade de publicar unha segunda orde de axudas con requisitos máis flexibles para “repescar” proxectos que quedaron fóra da primeira convocatoria
A Xunta de Galicia mobilizou xa preto do 80% dos fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados a poñer en valor as 7 reservas de biosfera da Comunidade. Isto significa que dos 6,4 millóns de euros asignados a Galicia, ao redor de 5 millóns xa están consignados para actuacións e proxectos planificados ou que incluso nestes momentos están en execución.
Así o avanzou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que participou en representación do Goberno galego na última reunión do Comité español do programa Men and Biosphere (MaB) da Unesco, convocada, entre outras cousas, para facer seguimento das ordes de axudas dirixidas a entidades locais, asociacións e organismos xestores destes espazos así como do seu nivel de execución a nivel autonómico.
Precisamente, Do Campo lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en convocar, xa no mes de febreiro, tanto as subvencións para proxectos impulsados por concellos e entidades ligados a calquera das 7 reservas de biosfera, cun orzamento de 3,22 millóns de euros, como a liña de axudas específica para as 4 reservas que contan con órganos de xestión independentes, dotada de 1,85 millóns de euros.
Neste sentido, explicou que grazas á “axilidade e eficiencia” demostradas pola Xunta á hora de poñer os fondos europeos á disposición dos seus potenciais beneficiarios, a día de hoxe xa ten comprometido a meirande parte dos máis de 6,4 millóns asignados a Galicia no marco do programa para actuacións en materia de conservación e protección da biodiversidade.
Ao respecto e a maiores dos proxectos que está a impulsar o propio Goberno galego nas tres reservas de biosfera baixo a súa xestión directa, a directora xeral adiantou que ambas ordes de axudas xa están resoltas, o que sitúa a Galicia entre as comunidades máis áxiles neste sentido, xa que durante a propia reunión se puxo de manifesto por parte dos representantes do Goberno central que algún executivo autonómico aínda estaba pendente de publicalas.
Así mesmo, Belén do Campo aproveitou a ocasión para incidir en que xa se acadaron os obxectivos marcados en canto a número de hectáreas sobre as que actuar co fin de mellorar e poñer en valor os espazos amparados pola figura de reserva de biosfera. De feito, o reto era chegar a 708 hectáreas e no caso galego xa son case 1.400 hectáreas.
Por todo o exposto e para tentar mobilizar o 100% dos fondos europeos, propuxo sacar unha segunda convocatoria de axudas con requisitos máis flexibles para “repescar” proxectos que no caso de Galicia quedaron fóra da primeira convocatoria por non cumprir algún dos requisitos esixidos. A posibilidade trasladada pola directora xeral será estudada agora polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que se amosou receptivo a flexibilizar o contido de cara a futuras convocatorias.
Apoio ao traballo das Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo
Noutra orde de asuntos, o Comité español do programa MaB tamén coñeceu o informe decenal correspondente á reserva de biosfera Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo, declarada no ano 2013 e á que lle toca someterse á supervisión da Secretaría do programa MaB da Unesco ao achegarse o seu décimo aniversario.
Ao respecto, Belén do Campo agradeceu e avalou o labor realizado nos últimos anos polos xestores desta reserva, que a pesar de ser unha das máis recentes en Galicia tamén se atopa entre as máis activas, resaltando a promoción de iniciativas que inciden no fortalecemento e conservación da biodiversidade deste territorio ou os esforzos realizados para promover unha marca de produtos propia que potencie a economía local.
Cómpre lembrar que as 7 reservas de biosfera galegas suman un total de 1,03 millóns de hectáreas terrestres e representan xa máis dun terzo da superficie total da Comunidade. De todos estes espazos, 3 están xestionados de forma directa pola Xunta —Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a última en obter a declaración— e as 4 restantes —Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz— contan con órganos de xestión independentes.