A concentración convocada pola ANPA do Instituto Número 1 de Ribeira para denunciar os continuos problemas que padece o alumnado co transporte público, contou co apoio por parte do BNG ribeirense.
A concelleira nacionalista, Cruz Rivadulla, estivo na concentración apoiando as peticións da comunidade escolar e asegurou que “non é lóxico que por falta de autobuses o alumnado chega tarde ás aulas ou que teñan que agardar moito tempo para volver á casa porque non hai autobuses suficientes”.
Desde o BNG consideran que a conivencia é total entre Monbus e as administracións gobernadas polo Partido Popular -Concello de Ribeira e Xunta de Galiza- xa que non se está facendo nada para solucionar os problemas que ten o transporte público nin o escolar. “Parece que hai interese en protexer a Monbus, que recibe cartos públicos, para non abrirlle expedientes sancionadores por incumprimento de contrato”.
“O alcalde de Ribeira debería ser o primeiro en defender á comunidade escolar e trasladarlle os problemas á Consellaría de Infraestruturas pero vemos que só teñen reunións nas que sacan a foto pero non resolven ningún dos problemas existentes. Hai que actuar xa porque se están destinando recursos públicos a un servizo que non se presta” recriminou Rivadulla.
Os nacionalistas avanzan que volverán trasladar as peticións da comunidade escolar e as das persoas usuarias do transporte público porque tamén se rexistran atrasos e autobuses que non pasan nas horas indicadas. Neste sentido, pedirán unha convocatoria da Mesa de Mobilidade a nivel municipal para estudar as posibles solucións e a nivel galego estudarán novas accións e propostas para garantir o cumprimento dos horarios así como realizar as inspeccións para facer que se cumpran as condicións estipuladas e se abran os expedientes sancionadores oportunos no caso de non facelo.