Friday 22 de November de 2024

Abstracción e figuración, dúas caras da moeda na mostra de Xoán Fernández na Pobra


A casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal abre ao público ata finais de mes unha exposición retrospectiva de Xoán Fernández na que se contrapón o mundo real e o fantástico.

A mostra Abstracción vs. Figuración está conformada por case unha trintena de cadros que mergulla ás visitas en realidades paralelas, no tanxible co simbólico. Predomina a técnica mixta no eido abstracto e o óleo e o grafito no figurativo.

O acto inaugural celebrouse na tarde deste 7 de outubro, amenizado pola Escola de Música da Pobra e conducido por Xosé Antonio Ventoso, quen, ao comezo da súa intervención sinalou que a capacidade de crear é o que diferencia ao ser humano dos animais. Tamén fixo un repaso polo significado dos cadros, facendo énfase en Visita a Pérgamo como transición entre as dúas técnicas. Sara Enguix, neta do pintor, pronunciou o discurso polo seu avó, destacando o seu vínculo persoal e artístico coa Pobra.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), puxo en valor esta exhibición que achega á localidade a obra dunha das figuras máis relevantes do actual panorama pictórico da comarca; unha prolífica traxectoria artística que o levou a expoñer noutros puntos do territorio estatal e en países como Alemaña, Bélxica ou Holanda.

Parte das súas pinturas consérvanse en coleccións privadas e en diversas institucións como, por exemplo, o Museo Valle-Inclán. A titular da área da Cultura quixo trasladar o agradecemento pola súa confianza cara o depósito efectuado na institución museística pobrense, ademais da súa implicación nas iniciativas que promove a Administración local na dinamización da vida cultural. De feito, Xoán Fernández formou parte do xurado que a comezos de setembro ditaminou a lámina gañadora do concurso de carteis para a promoción das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.

Todo este compromiso fixo que a A.C. Barbantia lle concedese en 2019 o premio do Sereo.

Así mesmo, Lojo aludiu a que se continuará coa folla de ruta de aproximar á cidadanía os traballos de autores/as que gozan de popularidade e dando a coñecer novos nomes; responsabilidade que considera que tamén deber asumir as institucións públicas no exercicio de estimula-la creación e xestión cultural.

A sala permanece aberta de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.