Thursday 21 de November de 2024

Alternativa dos Veciños denuncia o colapso da atención na Seguridade Social en Betanzos


Alternativa dos Veciños alerta do que está sucedendo coa atención ao cidadán nas administracións públicas, neste caso a estatal. “Expúlsase á cidadanía e redúcense servizos públicos”, afirma o voceiro de Alternativa en Bergondo Juan Fariña .

Nunha visita realizada o pasado venres 30 ao Instituto da Seguridade Social de Betanzos, Juan Fariña -xunto con outros membros do grupo político local- puido comprobar de primeira man o que está sucedendo coa atención ao cidadán nesas oficinas.

En primeiro lugar; o que un atopa ao chegar alí son unhas instalacións pechadas a cal e canto por todas as súas entradas, incluído o acceso lateral para usuarios de cadeiras de rodas. Na porta principal, carente de timbre ou similar, advírtese ás visitas sobre as prevencións sanitarias da covid, especifícase o horario de atención ao público e detállanse os teléfonos (con prefixo de Madrid) nos que se poden facer consultas ao INSS. É preciso petar na porta e agardar a que a ÚNICA persoa que a día de hoxe traballa nesas grandes instalacións detecte a túa presenza e veña abrir.

Segundo: para acceder ás instalacións resulta imprescindible que as consultas ou trámites sexan sinxelos, xa que a meirande parte das tarefas de asesoramento, cálculo de pensións, etc… xa non son posibles nestas enormes (pero baleiras) instalacións que, por certo, constitúen un dispendio económico colosal en canto a mantemento, electricidade e outros gastos, polo menos en proporción ao número de traballadores (1) que a día de hoxe as ocupan.

Resulta moi preocupante comprobar como mesmo as administracións que se din concienciadas coa atención e a inclusión estean expulsando deste modo ao cidadán dos espazos de atención pública, pechando estes, desarticulando servizos esenciais como a atención no INSS, Axencia Tributaria (entre outros) e danando gravemente a confianza da cidadanía con respecto ao público e os seus xestores. Por outra parte, e por se o anterior non fose suficiente, e tal e como apunta Juan Fariña, “algúns énchense a boca falando acerca da España Vaciada ou da Galicia Baleirada, pero coa mesma naturalidade que din esas cousas, por outro lado, desarticulan servizos -xa non no rural propiamente dito- mesmo o levan a cabo en importantes e históricas cabeceiras de comarca, coma neste caso. O prexuízo que se causa a Betanzos é enorme, pero tamén a todos os municipios que estamos no seu entorno, como Bergondo”. E tamén engade; “Coa pandemia tiveron a escusa perfecta para acelerar o ritmo de recorte na atención pública presencial que xa iniciaran antes. É desalentador, Expúlsase á cidadanía e redúcense servizos públicos, servizos que pagamos co esforzo colectivo dos nosos impostos”.

Alternativa dos Veciños de Bergondo levará unha iniciativa ao vindeiro pleno que se celebre no noso concello para demandar ao Goberno de España que tome conciencia das graves consecuencias do que está provocando con estas medidas e reverta o desmantelamento en marcha. O INSS de Betanzos debe volver a ser o que era non hai tanto tempo. Por outra parte, convida á alcaldesa de Betanzos a que faga tamén algo ao respecto. Sería positivo que se falara destas cousas, ou similares, nesas xuntanzas que organiza o Sr. Santiso para facérense fotos coas escusas máis variopintas.