Segundo os datos de FRONTUR publicados no día de hoxe, a nosa Comunidade superou nun 17% os turistas estranxeiros rexistrados en agosto do pasado ano
Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) publicados no día de hoxe, no Galicia rexistrou no mes de agosto un total de 169.437 turistas estranxeiros, un 17% máis que no mesmo mes do pasado ano. Polo que con preto de 170 mil turistas estranxeiros, Galicia acadou un máximo histórico neste oitavo mes do ano. Tal circunstancia vén acontecendo nos últimos meses manténdose por tanto a tendencia positiva dos últimos anos.
A nivel estatal obsérvase tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 1,6% neste caso, situándose en máis de 9,2 millóns. En termos de intensidade destaca o incremento rexistrado en A Rioxa, Estremadura e Galicia, destinos onde o turismo internacional subiu neste mes un 38%, 21% e 17% respectivamente. Polo que Galicia posiciónase entre as comunidade máis dinámicas neste mes.
Francia e Portugal, co 30% dos turistas estranxeiros cada un deles, son os principais mercados internacionais en Galicia neste oitavo mes do ano. Seguen en orde de importancia Reino Unido e Italia, ambos representando o 6% do total. En termos dinámicos obsérvanse importantes crecementos de Francia e Portugal.
Excursionismo internacional
O excursionismo internacional presenta tamén un incremento neste oitavo mes do ano, con 612.577 excursionistas estranxeiros, cifra que sobe un 7,6% en relación ao pasado ano.
Portugal foi o principal mercado emisor de excursionismo estranxeiro a Galicia pois representou o 88% das entradas internacionais dun só día á nosa comunidade. O excursionismo procedente do país veciño incrementouse neste mes nun 14,6%.
Acumulado do ano
En canto aos primeiros oito meses deste ano 2015, Galicia recibiu máis de 780 mil turistas estranxeiros, cifra que supón un máximo histórico na comunidade e supera nun 12,1% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.
Segundo FRONTUR, Portugal, co 45% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia nestes primeiros oito meses do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 18,4%, e Reino Unido, co 7,6% neste caso. En termos dinámicos obsérvase un comportamento positivo dos principais mercados emisores.
A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo superando os 47,2 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,1%, oito puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa comunidade.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 2.638.514 excursionistas estranxeiros nos oito primeiros meses do ano. Portugal foi tamén o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 89% das entradas dun só día na nosa Comunidade.