A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, desprazaranse mañá a primeira hora ao paseo marítimo de Xuvia para presenciar a saída das “21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón”. A rexedora local destacou “a excelente acollida deste evento deportivo que se celebrará por vez primeira na cidade, como o constata o feito de que participarán preto de 1.200 persoas chegadas de diferentes localidades españolas e incluso doutros países, como Uruguay e Chile e tamén equipos militares de diferentes puntos de España”.
A saída dos participantes que realizarán o percorrido en bicicleta será ás 8.00 horas do paseo marítimo de Xuvia, se ben os que a realicen como marchadores partirán da meta ás 9.00 horas. Dende entón, con 24 horas e 101 quilómetros por diante, percorrerán tramos localizados nos termos municipais de Narón, Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño. Estes concellos, xunto co de Neda e a Xunta de Galicia, o Porto de Ferrol, a Armada e Navantia colaboraron nesta cita deportiva. A todo o persoal implicado, Ferreiro trasladou o seu agradecemento “polo voso traballo para que todo estivese a punto para mañá, unha data que é moi importante para nós e que espero que todas e todos desfrutemos”. A alcaldesa tivo tamén de antemán palabras de agradecemento “para o voluntariado, entidades, o Speis, corpos de seguridade e persoal sanitario que estarán ubicados en diferentes puntos para colaborar neste evento deportivo e para as firmas patrocinadores pola confianza amosada dende o primeiro momento”.
A proba ofertou modalidades de marcha individual e por equipos, para percorrer 101 quilómetros en 24 horas; para MTB individual, parellas e equipos, para 101 quilómetros en 12 horas e de eBike individual para o mesmo percorrido en 12 horas. Os participantes sairán de Xuvia cara ao termo municipal de Ferrol para dirixirse á ona costeira ata Valdoviño e regresar de novo a Xuvia, donde estará tamén instalada a meta. En todo o percorrido haberá asistencias mecánicas e avituallamentos.
Ao mesmo tempo, dende o Concello de Narón avanzouse que mañá de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas o paseo de Xuvia acollerá unha gran variedade de propostas de balde dirixidas ás nenas e nenos. Obradoiros de debuxo, pintacaras, supereroes, etc.