Friday 22 de November de 2024

A Coruña recolle o Premio “Ciudades que Caminan 2022”


O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, recolleu o galardón esta tarde na sede do Collegi d’Arquitectes de Illes Balears

Francisco Díaz Gallego: “A Coruña camiña cara a un novo modelo de cidade e este recoñecemento é un impulso para seguir traballando na súa transformación”

A Coruña foi unha das cidades galardoadas co “Premio Ciudades que Caminan 2022”, un recoñecemento outorgado a cidades que fomentan a mobilidade sostible nas súas actuacións. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, recolleu esta tarde o galardón en representación da Coruña, premiada na categoría de cidades de máis de 100.000 habitantes.

O xurado destacou a creación da Rolda Peonil, un circuíto lineal de 3,5 km que percorre todo o interior da cidade incorporando algúns tramos xa peonalizados con anterioridade. “Quero agradecer en nome da alcaldesa, Inés Rey, o recoñecemento e posta en valor do proxecto da Rolda Peonil, un dos eixos prioritarios deste Goberno para transformar A Coruña nunha cidade pensada nas persoas” sinalou o edil. O xurado considerou que a Rolda Peonil é un circuíto seguro, accesible e confortable en diferentes barrios da cidade, o que valorouse moi positivamente.

O concelleiro explicou que “A Coruña camiña cara un novo modelo de cidade e este recoñecemento é un impulso para seguir traballando na súa transformación e unha confirmación de que as políticas postas en marcha por Inés Rey van no camiño correcto”.

Este mesmo martes comezaron as obras do segundo tramo de Alcalde Marchesi, entre Ramón y Cajal e Posse, que forma parte desta Rolda Peonil. Ademais están en marcha os proxectos doutros tres tramos, un total de 12.000 metros cadrados que contan con máis de 3 millóns de euros de investimento e que se suman aos 7.500 metros cadrados xa executados neste mandato por máis dun millón de euros de investimento.

O xurado destacou, ademais, a existencia do plan Coruña Camiña, que consiste na mellora da mobilidade peonil en diferentes puntos da urbe. “Este plan permitiunos realizar investimentos na cidade por máis de 7,5 millóns de euros, creando unha cidade cunha mobilidade máis sostible e segura e que hoxe é recoñecida con este galardón” concluíu Francisco Díaz Gallego.