Este xoves comezaron as Festas do Rosario 2022 co pregón a cargo do xornalista e escritor Luis Pousa, veciño da Cidade Vella. O acto, que tivo lugar na praza de Azcárraga, foi presentado polo primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego.
Luis Pousa, doutor en Matemáticas, comezou a súa carreira como xornalista en El Ideal Gallego no ano 1996. No 2000 incorporouse a La Voz de Galicia, onde pasou por diferentes seccións, dirixindo algunhas como Cultura ou Opinión. Paralelamente tamén desenvolveu unha notable carreira literaira. Juan Ignacio Borrego fixo fincapé no “coruñesismo” que amosa Pousa nas súas populares ‘Crónicas Coruñesas’, publicadas na sección local de La Voz de Galicia.
As Festas do Rosario 2022 volverán a afondar na súa vertente cultural cunha gran variedade de actos durante os próximos días. Unha das actuacións máis agardadas será o concerto de Los Enemigos, este venres 7 de outubro ás 23.00 horas no paseo do Parrote.