O alcalde visitou a peza de cerámica do artista Manolo Eirín instalada na rúa Baños Vellos, que recrea un plano de 1777 das ruínas das termas romanas
A reurbanización da rúa Estrela completará as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos. O Concello de Carballo recibiu esta semana a autorización de Minas -que é preceptiva, precisamente, pola existencia no subsolo das augas mineiro-medicinais-, o que permitirá poñer en marcha o procedemento de contratación da obra. Con este novo proxecto, o investimento na mellora das rúas da contorna do balneario, o único en funcionamento en toda a provincia da Coruña, superará os 700.000 euros.
Dentro das actuacións encamiñadas a poñer en valor ese recurso extraordinario co que conta o noso concello xa se levaron a cabo nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra e Chile, e están a punto de empezar as da rúa Lugo, adxudicadas a Excavaciones y Obras Candal por 47.446,81 euros.
As obras que se están realizando na contorna do balneario van moito máis alá da necesidade de instalar ou renovar os servizos urbanísticos, de mellorar a accesibilidade, de crear máis rúas verdes ou de poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do noso concello, porque, ademais de todo iso, tamén contribuirán a rescatar unha parte fundamental da nosa historia recuperando as trazas das antigas termas romanas. Así, un dos aspectos distintivos das actuacións en marcha é a intervención artística realizada no encontro entre as rúas Ourense e Baños Vellos, para rememorar, precisamente, a historia termal do noso pobo.
O alcalde, Evencio Ferrero, visitou hoxe a peza artística realizada polo artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Areino de Galicia. A activación do código QR que permitirá coñecer os detalles históricos deste descubrimento e a apertura da fonte completarán a intervención.
Paralelamente, nese mesmo ámbito está a executarse outra obra, que consiste na adaptación da aliñación do edificio da antiga estación de trolebuses polo lado oeste, cun investimento de 32.000 euros. Debido a esa demolición parcial desapareceu o mural pintado pola italiana Roberta Venanzi no ano 2014, pero xa está prevista unha nova intervención artística na nova parede.