As obras no Sisto e Carballo de Arriba poñen practicamente o punto final ao proxecto de asfaltados executado pola empresa Vázquez y Reino en case 30 quilómetros de vías de nove parroquias do noso concello. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Luis Lamas fixeron un percorrido por algunhas das últimas actuacións executadas.
Os traballos chegarán ao seu final despois de actuar en todas estas vías: Calvelo de Arriba (Sofán), A Fronteira-Calvelo (Sofán), Leboreo (Bértoa), As Regueiras (Lema), O Seixo-Pardiñas (Razo e Lema), Cambrelle-Pardiñas (Razo e Lema), Caxín (Rus), O Espiño-Berdillo (Berdillo), Calvelo-Cornaces (Sofán e Rus), Altiboa-Barbalde (Artes e Rus), Cáparos-San Sadurniño (Rus), Cadavoso (Artes), Guntián-As Bouzas (Sofán), Porto Lago (Bértoa), O Sisto e A Barreira-Cernide (Carballo) e Rúa Neptuno (Razo).
En total, 29.610 metros de pistas e rúas en núcleos rurais de Ardaña, Sofán, Razo, Carballo, Bértoa, Lema, Rus, Artes e Berdillo que se atopaban en malas condicións. As obras consisten na limpeza de gabias e no asfaltado con rego simple, dobre ou triplo, segundo o uso das vías. O investimento acada os 463.791 euros.
Ao tempo que avanzan as obras, o goberno municipal está traballando xa no próximo plan de asfaltados. Coa intención de definir as actuacións necesarias da maneira máis precisa, o propio concelleiro de Obras e Servizos e o alcalde, xunto cos técnicos municipais, levan xa varios días percorrendo os máis de 600 quilómetros de vías asfaltadas que existen no noso concello.