A zona de parque situada ao pé dos piares do viaduto da AP-9 contará en cuestión de días cunha nova área pensada para o exercicio de cans e cadelas. E é que alí, xusto á beira da avenida Doutor Sixto Mauriz, o Concello iniciou hoxe mesmo a construción dun circuíto de agility dotado con todo o necesario para que os animais gasten enerxía correndo e superando obstáculos, ao tempo que adestran nunha disciplina que cada vez conta con máis persoas afeccionadas na comarca. Nas obras investiranse preto de 18.000 euros, financiados integramente con fondos municipais.
Os traballos que se están levando a cabo consistirán, en primeiro lugar, na instalación de nove obstáculos de distinta tipoloxía distribuídos por un trazado circular e acompañados de paneis informativos sobre o tipo de exercicios.
Neste sentido, o circuíto contará cun balancín, unha empalizada -unha estrutura en forma de “A” maiúsculo-, unha pasarela elevada, salto de altura, unha roda -feita en madeira e ancorada ao chan-, unha mesa de parada, un túnel ríxido, un obstáculo para salto de lonxitude e unha zona de varandas verticais para que as cadelas e cans poidan facer slálom entre elas.
O parque, situado baixo o viaduto da AP-9 (queda a man dereita subindo por Doutor Sixto Mauriz), irá pechado perimetralmente cun valado para evitar que os animais poidan saír á estrada accidentalmente e para separar o espazo do resto da zona verde. “O circuíto estará aberto permanentemente, os 365 días do ano, non fará falla solicitar a instalación, senón que as persoas usuarias poderán practicar cos seus animais cando queiran”, explica a concelleira Sandra Permuy.
“O espazo está concibido como un parque canino para o desfrute e exercicio dos animais, pero tamén das súas donas e donos. O agility é un deporte que implica horas de adestramento e, despois, correr igual que o fan os cans para indicarlles o percorrido e conseguir que completen o circuíto no menor tempo posible sen fallos nin penalizacións”, comenta Permuy. “É espectacular de ver e cremos que este equipamento atraerá a moitas e moitos amantes tanto desta disciplina como do mundo canino en xeral”.
Ademais do equipamento de adestramento, o recinto tamén disporá dunha fonte deseñada especialmente para as mascotas e cunha zona delimitada para que poidan facer as súas necesidades “que deberán recollerse, igual que en calquera espazo público do Concello”.
Nas obras que arrancaron hoxe o Concello de Fene investirá 17.981,48 euros. Se todo vai segundo o previsto, o circuíto podería estar operativo para comezos de outubro.