Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo enviou 20.510 cartas informativas sobre a campaña tributaria de IBI, IAE e taxa de lixo comercial


O período voluntario para aboar os recibos será do 15 de setembro ao 21 de novembro, e o prazo de domiciliación está aberto ata o 10 de outubro

O 15 de setembro comezará o período voluntario para aboar os recibos correspondentes aos impostos sobre bens inmobles (IBI) e actividades económicas (IAE) e á taxa pola recollida de lixo comercial. Dende o Concello de Carballo téñense remitido aos domicilios un total de 20.510 cartas informativas, 8.280 con información para as persoas que teñen os recibos domiciliados e 12.230 cos recibos de pago para o resto dos/as contribuíntes, que deberán presentalos para poder realizar o pagamento nas oficinas da recadación municipal.

Os padróns foron publicados hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e poderán consultarse durante un mes nas oficinas do Servizo de Xestión Tributaria (4º andar da casa do concello) para solucionar posibles erros. Corresponden aos seguintes tributos:
• Imposto sobre bens inmobles de características especiais: 1 recibo por importe de 209.662,26 euros.
• Imposto sobre bens inmobles urbanos: 31.540 recibos por un total de 5.645.488,74 euros.
• Imposto sobre bens inmobles rústicos: 2.716 recibos por 305.351,77 euros.
• Imposto sobre actividades económicas: 347 recibos por 266.250,57 euros, correspondentes a 213.000,05 euros de cota municipal e 53.250,57 de recargo provincial.
• Taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo na modalidade comercial: 1.446 recibos por un total de 263.077,65 euros.

En total, polo tanto, o Concello de Carballo emitirá 36.050 recibos, dos que están domiciliados 14.562 (o 40,39%). As persoas interesadas na domiciliación aínda están a tempo ata o 10 de outubro, e simplemente teñen que presentar a orde correspondente nas oficinas do Servizo de Recadación Municipal.

Para o resto das persoas contribuíntes, os lugares e formas de pagamento son os seguintes:
1. Nas oficinas bancarias e nos caixeiros das entidades Abanca e Caixabank, utilizando o documento de pagamento remitido polo Concello.
2. A través da banca electrónica de ditas entidades, co código de barras e a referencia que constan no documento de pagamento remitido polo Concello.
3. Na pasarela de pagos da web www.carballo.gal, dentro do apartado Centro de Atención Cidadá  Sede Electrónica  Outros servizos  Pago de tributos on-line.
4. Presencialmente, nas Oficinas da Recadación Municipal, sitas na Rúa Camiño Novo, 7, entreplanta galerías comerciais (teléfono 981704278; enderezo electrónico: recadacion@carballo.gal), nos seguintes horarios:
-De luns a xoves, de 09:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:30 horas.
-Os venres de 09:00 a 13:30 horas.
5. A través de transferencia bancaria ou ingreso na conta da entidade ABANCA ES55 2080 0019 5331 1000 0028.
O período voluntario de cobranza dos ditos recibos abranguerá desde o día 15 de setembro do 2022 ata o día 21 de novembro do 2022, incluídos.