Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Frades solicítalle por unanimidade á Deputación a construción dunha senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo


Aprobados o POS Adicional 2-2022 e os festivos locais de 2023

Unanimidade do Pleno de Frades á hora de solicitarlle á Deputación da Coruña a construción dunha senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo, na DP-3802 Ordes-Ponte Carreira, unha vez que o Concello de Frades rematou o estudo topográfico solicitado polo ente provincial. Así, o proxecto “Mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-3802 Ordes-Ponte Carreira, Pk 14.45 a Pk 16.825, na marxe esquerda” incrementa o seu orzamento dos 393.000 euros iniciais aos actuais 525.312 euros (91.000 euros deles de IVE).

Na sesión plenaria ordinaria de setembro, o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que esta cuestión volvía a ser debatida porque “veu o deputado responsable de Obras a ver o proxecto e pediunos que fixeramos un estudo topográfico, xa que solicitamos que se fixera por expropiación dos terreos, como se fai en Marzoa, nesta mesma estrada”. Neste sentido, o alcalde lamentou que “nos obrigaran a facer nós o estudo topográfico, cando nos consta que noutros concellos fainos a propia Deputación”.

O alcalde xa informou do proxecto ao presidente provincial durante a sinatura do convenio para a adquisición dun tractor. “Ao coñecer o novo orzamento, suxeriron a posibilidade de dividilo en dous proxectos, algo que non ten sentido porque sería facer unha senda que quedara no medio do monte ou que non levara a ningures”, explicou Rey Martínez. Así mesmo, o alcalde considera que “non sería xusto con Frades, vendo as sendas que hai noutros municipios”.

Fracción do proxecto

No debate plenario, o BNG amosou o seu acordo total coa proposta da Alcaldía de solicitar a execución das obras nun único proxecto. Pola súa banda, o PSOE tamén coincidiu en que a proposta da Alcaldía era correcta e que “o mellor é que vaia nun proxecto, pero se é máis factible que o concedan en dous, cando menos pedilo”, apuntou Enrique Astray, voceiro socialista.

Pola súa banda, Roberto Rey replicou que “non o vexo xusto porque habería que ir a dúas expropiacións, a senda quedaría cortada e, ademais, porque Frades só ten 1 km de sendas peonís en estradas provinciais, cando nesa mesma estrada DP-3802 se están facendo actuacións en concellos limítrofes”. Ademais, compre lembrar que esta solicitude foi feita inicialmente no ano 2009 e reiterada en varias ocasións, a derradeira no Pleno municipal de maio de 2020 e ao propio presidente provincial durante a súa primeira visita institucional a Frades en 2021.

POS + Adicional

Por outra banda, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, a proposta da Alcaldía para o POS+Adicional 2/2022. Así, o Concello de Frades destinará os 194.000 euros do Plan Complementario ao aglomerado da estrada entre A Cheda (Abellá) e a N-524, o aglomerado do camiño entre Campoduro e o Campo de Vitre e unha pavimentación dunha rúa en Ponte Carreira no seu cruce coa rúa do Ensino.

Os 144.391 euros do incremento de fondos destinaranse a compensar o incremento do prezo da luz (70.000 euros) mentres que os 74.000 euros restantes irán a dúas obras: aglomerado da estrada de Añá a Campoduro, por diante da igrexa Céltigos, e un tramo do camiño de Vilaxoán cara Ponte Carreira.

Festivos

No resto da sesión plenaria aprobáronse o calendario laboral para 2023, de xeito que os festivos locais serán o martes 21 de febreiro (Martes de Entroido) e o venres 29 de setembro (San Miguel), toda vez que o San Xoán coincide en sábado. A corporación ratificou tamén o convenio de colaboración entre os Concellos de Frades e Ordes para un proxecto ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental que permitirá dispoñer dunha rozadora de última xeración.

Finalmente, o Pleno acordou adherirse ao Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude da Deputación da Coruña (Plan Plamedecor) e delegar na institución provincial o control financeiro en materia de subvencións e servizos municipais xestionados indirectamente. A primeira proposta saíu aprobada por unanimidade, mentres que a segunda contou cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e BNG.