Friday 22 de November de 2024

O Pleno dá luz verde á segunda exposición pública da modificación do PXOM sobre a regulación de usos


Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada este luns, a Corporación municipal aprobou unha nova apertura da información pública da modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), cuxo obxectivo é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente. Tamén se aprobou o Plan de Acción Local para a Axenda Urbana 2030 de Santiago e se fixaron o día da Ascención (18 de maio) e San Roque (16 de agosto) como festas locais para o 2023.

A partir da súa publicación no DOG e durante o prazo de 2 meses, todas as persoas que o desexen poderán formular as alegacións oportunas sobre os cambios propostos tras unha primeira exposición pública sobre o documento aprobado de forma inicial en marzo 2021. Unha vez pechado este prazo e revisadas todas as novas alegacións, elaborarase un documento actualizado no que se integran as modificacións para proceder a continuación á súa aprobación provisional.

A finalidade desta modificación puntual do PXOM é preservar a función residencial da cidade, ao mesmo tempo que se favorece a diversidade de usos complementarios do urbano. Con esta modificación tamén se trata de dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da vixencia do PXOM.

Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos para establecer un réxime de compatibilidade de usos máis flexible; a identificación das denominadas zonas sensibles da cidade, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial, e unha axeitada proporción de usos complementarios.

Respecto das vivendas de uso turístico, distínguense dous supostos. O primeiro, a súa implantación como actividade económica, que só se autoriza na planta inferior das que se permita o uso residencial (planta baixa ou primeiro andar, segundo cada ordenanza), cunha condición adicional de altura mínima nas zonas sensibles. O segundo, como uso asimilado ao residencial, que permite outras posicións, pero que debe estar sempre vinculado a un uso habitual da vivenda, e que se regula cunha ordenanza complementaria específica.

Axenda urbana 2030

Na sesión desta mañá, a Corporación municipal tamén deu luz verde ao Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Este documento é o resultado dun proceso participativo liderado polos profesores universitarios María Cadaval e Santiago Lago, na que cidadáns, axentes sociais e culturais e grupos políticos puideron achegar as súas contribucións a través de diferentes canais. O Plan aprobado está estruturado en 6 áreas temáticas estratéxicas, que definen 25 obxectivos específicos e 39 liñas de actuación e poderá ser completado no futuro, xa que non se trata dun documento pechado.

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes. Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal.

Festas locais

Tamén saiu adiante por unanimidade a proposta de días festivos locais para o ano 2023, en concreto, o día da Ascención que se celebrará o 18 de maio e San Roque, o 16 de agosto.