Friday 22 de November de 2024

As xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo afondaron novamente na historia e patrimonio do concello


A Pobra do Caramiñal rememorou o seu pasado mediante unha nova edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo que versou sobre as necrópoles, o patrimonio relixioso, a guerra da Independencia e a industria da enerxía eléctrica.

A cita arrancou no 10 de setembro no teatro cine Elma coa parte teórica que foi introducida por representantes do Concello. En palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), o dito programa é un exemplo da aposta da Administración local para a democratización do coñecemento e, en concreto, esta acción permite “activar, en sentido figurado, unha máquina do tempo a través da cal coñece-lo pasado para poder entender un pouco máis e mellor o noso presente.” Nesta mesma liña interveu o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen apuntou que contribúe a “coñece-la historia da Pobra, descubri-los seus segredos e misterios. O coñecemento do noso patrimonio tamén nos axuda a garanti-la súa conservación.”

Laura Blanco Torrejón iniciou a quenda de relatorios con As necrópoles tardoantigas e altomedievais da Pobra do Caramiñal e do Barbanza, que abrangueu a arqueoloxía da morte en Galicia entre os séculos IV e X. Indicou que o mundo funerario vai moito máis alá do que se adoita concibir, pois “as tumbas tamén contan as crenzas, a identidade, a concepción da morte, a interacción con outras comunidades ou, incluso, coa paisaxe que a rodea.” No caso concreto do Barbanza, fixo un repaso polas sepulturas do Pomar e Quintáns (A Pobra do Caramiñal), a necrópole de Rianxo e o sartego de San Xián (Ribeira).

Deseguido, Memorias perdidas e linguaxes esquecidas: a capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán correu a cargo de Begoña Fernández Rodríguez, quen manifestou que, con relación á temática da anterior conferencia, a dita capela “faise como un lugar de enterramento para alguén que definitivamente decide non enterrarse nela. Pero é o seu proxecto funerario e o proxecto funerario para os seus descendentes. É perpetua-la súa memoria na igrexa de Santiago do Deán.” Deste xeito, Juan Domínguez de Viance e a súa esposa Constanza Domínguez fundaron a capela dedicada ao Bo Cristo, tamén coñecida como capela de Alba, denominación que lle outorgou a veciñanza. Existen, polo tanto, dúas fases na súa construción: o establecemento dun padroado de Legos (1572) e a concordia de 1576 entre o Concello e o interesado.

Tras unha breve pausa, os coloquios retomáronse con Manuel Gago Mariño e As rías galegas e A Pobra do Caramiñal na guerra da Independencia, onde expuxo como O Barbanza se converteu nun escenario militar. De feito, no 7 de maio de 1809 chega por mar un gran número de soldados ao convento de Santo Antonio, o cal converteu A Pobra no centro loxístico e no nodo estratéxico do levantamento contra os franceses. Catro días despois confírmase o avance dunha columna francesa en dirección ao municipio e lánzase unha manobra de distracción dirixida por frei Pedro Romero. Entón os franceses recúan na Escravitude e volven a Santiago. Mariño Gago tratou tamén as alarmas, unha especie de corpo da milicia civil mobilizada por se regresaban os franceses, pero a quen tamén se lle atribuían outras funcións, e que se constituíu no Deán liderada por Ramón Saco Taboada (1812).

A xornada concluíu con Eléctricas no Barbanza. Das primeiras iniciativas ao imperio Fenosa, da man de Xoán Carmona Badía. Dous elementos importantes para entende-lo espallamento desta industria son a aplicación da electricidade como un grande avance tecnolóxico e símbolo de progreso e poder, así como que a súa transmisión só era posible a distancias moi curtas. Polo tanto, as centrais foron ao principio moi pequenas e de carácter local. En 1898 Prudencio Otero Sánchez solicita a concesión para aproveita-la enerxía do río das Pedras con destino á subministración pública de electricidade á Pobra e Ribeira e a un serradoiro, e ao seguinte comeza coa extensión da electricidade. Aínda que os documentos estaban a nome de Prudencio Otero, o responsable da instalación foi realmente o marqués de Riestra.

Fíxose entrega, ademais, ás persoas asistentes do póster Os sartegos do Pomar, obra do arqueólogo e ilustrador José Ramón Almeida.

Os coñecementos adquiridos leváronse ao terreo no día 11 coa visita aos sartegos do Pomar e á capela da Alba.

As charlas tamén se poden visionar na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.