O parque de Freixeiro acollerá este sábado, día 17, a Festa do Apego, organizada polo Concello de Narón –Servizo de Normalización Lingüística- a través do proxecto Apego. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentou a programación que se desenvolverá ao longo da xornada, na que haberá “música e propostas de narración oral”, tal e como avanzou.
A festa, de balde, está recomendada para nenas e nenos de 0 a 6 anos e as súas familias e para asistir non é precisa inscrición previa. Na zona donde se desenvolverá o evento colocaranse cadeiras por se algunha persoa non se pode sentar no chan, aínda que dende a organización se anima aos asistentes a levar mantas para poder sentarse na herba. En caso de choiva o evento trasladarase ao Auditorio municipal, comunicándose con antelación os posibles cambios a través do Facebook do Concello de Narón.
O programa comezará ás 18.00 horas, segundo indicou Taibo, cunha proposta de Xarope Tulú, “Roupa tendida”. Trátase dun espectáculo de narración oral que afonda na literatura de tradición oral. En definitiva, apuntou a edil naronesa, “é un espectáculo no que se conta o pasado, os contos de antes coa visión de antes para a partir de aí construír o futuro”. A continuación, ás 19.00 horas, dará comezo “O soño de golfiños”, de Golfiños, un espectáculo no que un grupo de golfiños viaxarán por un mar de músicas cun repertorio moi avanzado, lembrando as súas cantigas de sempre cunha guitarra, un teclado e a voz de Elena Paz sobre o escenario. O público poderá bailar, xogar, cantar, rir e, en definitiva, gozar do concerto ao tempo que soñan os golfiños.
A edil naronesa animou ás veciñas e veciños a acudir a este evento, “impulsado no marco dun programa que ten moi boa acollida e co que se aposta por fomentar a socialización en galego das nenas e nenos”, recalcou.