Friday 29 de March de 2024

O Concello abre mañá o prazo de inscrición nun curso básico de Manipulador/a-aplicador/a de produtos fitosanitarios


O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá un curso básico de Manipulador/a-aplicador/a de produtos fitosanitarios. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, indicou que se ofertan un total de 15 prazas e avanzou que as sesións se impartirán do 10 ao 20 de outubro. O prazo de inscrición abrirá mañá ás 8.30 horas e pechará o 20 de setembro ás 13.00 horas.

Esta acción formativa consta dun total de 37 horas e as clases serán de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Pragas dos cultivos, produtos fitosanitarios, perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, transporte e manipulación de produtos fitosanitarios, métodos de aplicación, prácticas de aplicación do tratamento fitosanitario… forman parte dos contidos que se abordarán co alumnado. O exame oficial do curso terá lugar en Guísamo o 28 de outubro e está incluído o pago das taxas do exame e a emisión da certificación, se ben o desprazamento ata o lugar do exame será por conta do alumnado.

O curso diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, que non poden estar admitidas noutro curso do programa municipal de formación coincidente temporalmente con este curso. As inscricións poden presentarse no Rexistro xeral do Concello, na Sede Electrónica e a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal –no primeiro andar do Concello- consultar a páxina web do Concello de Narón ou a Sede Electrónica ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).