Saíu a licitación a construción dunha área de deporte urbano –parkour- e a ampliación da pista de skate de Bastiagueiro por un importe de 301.631,92 euros e un prazo de execución de 8 semanas.
O obxectivo desta obra é a construción dunha área de deporte urbano destinada á práctica do parkour na parcela municipal a carón do aparcadoiro de Bastiagueiro. Nesta actuación, ampliarase tamén a actual pista de skate, fortemente demandada pola grande cantidade de usuarios/as, maioritariamente mozos e mozas adolescentes que practican a miúdo esta modalidade deportiva.
O parkour é unha disciplina de adestramento centrada en desenvolver o corpo e a mente a través do movemento, os retos e a exploración. Combina actividades como correr, saltar, trepar e rodar, para permitir ós que o practican a superar calquera obstáculo que se atopen no seu camiño. O seu obxectivo é practicar o movemento libre e fluído ademais de amosar aos demais a técnica para aprender e axudarse entre si.
Por outra banda, e coa fin de crear unha área completa, multidisciplinar e atractiva para unha ampla variedade persoas usuarias, completarase a actual pista de skate cunha minirampa e outros elementos que dan continuidade á instalación actual e servirán de unión entre as dúas zonas deportivas.
Con esta actuación respóndese a unha das demandas da veciñanza máis nova do municipio a respecto da creación de novos espazos para a práctica deportiva.