Alfonso Rueda e Belén do Campo visitaron as últimas actuacións ao abeiro desta orde e do Fondo de Compensación Ambiental no Concello de Touro
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, achegáronse hoxe ata Touro para visitar xunto ao seu alcalde, Ignacio Codesido, algunhas das últimas actuacións realizadas no concello ao abeiro das axudas da Vicepresidencia.
Rueda explicou que nos últimos cinco anos o Concello de Touro recibiu máis de 280.000 euros procedentes de distintas liñas de axudas do seu departamento, como poden ser o Fondo de Compensación Ambiental ou a Orde de Infraestruturas de uso público.
A través desta última liña de subvencións, en 2015 a Xunta investiu máis de 26.000 euros para mellorar as instalacións do polideportivo municipal. A obra consistiu na substitución do anterior pavimento de formigón -con máis de vinte anos de antigüidade- por outro máis moderno e adecuado ás prácticas deportivas e de ocio que se realizan a diario neste centro.
A este respecto o vicepresidente destacou a necesidade de apostar neste tipo de axudas polos concellos pequenos e do rural, e dentro destes por actuacións que beneficien aos máis mozos. Ese foi o caso de Touro, onde a xente nova é a que usa maioritariamente o pavillón de deportes e que agora poderán gozar dunhas instalacións máis cómodas e seguras.
Fondo de Compensación Ambiental
Ademais desta axuda, Touro tamén foi beneficiario dun importante investimento ao abeiro doutra das ordes que a Vicepresidencia da Xunta pon a disposición dos concellos galegos cada ano: o Fondo de Compensación Ambiental.
Nun exemplo claro de cooperación entre concellos, Touro concorreu a estas axudas xunto á veciña Vila de Cruces e conseguiu que a Xunta subvencionase o 60 por cento dos preto de 100.000 euros que investiron para recuperar a paisaxe do entorno da Ponte de Remesquide.