Friday 22 de November de 2024

Trenor visita o autobús promocional da 16 edición da Campaña “Outono Gastronómico” con 73 casas rurais adheridas


― O delegado da Xunta presentou hoxe na Coruña a 16 edición deste programa que se iniciará o 16 de setembro e rematará o 18 de decmebro

― O representante do Goberno galego informou que as persoas que se acheguen a este bus promocional poden participar nunha ruleta virtual entrando e compartindo en redes sociais. Entregaranse en total 14 premios de Fin de Semana Outono Gastronómico e 1.400 carballos.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o autobús promocional de presentación da campaña Outono Gastronómico na súa xa XVI edición, na que participan 73 establecementos de turismo rural galegos e que se desenvolverá entre os días 16 de setembro e 18 de decembro de 2022.

Para a promoción desta acción editaranse 10.000 guías, 7.000 dípticos e 500 carteis, que se distribuirán, entre otros lugares, nas oficinas de turismo de toda Galicia, nos campos de Golf e entre todas as casas rurais participantes.

Este bus está recorrendo Galicia informando sobre a campaña e animando á participación dos viandantes. En cada unha das sete localidades nas que se estacione, as persoas que se interesen pola campaña poden achegarse e participar nunha ruleta virtual entrando no autobús e compartindo en redes sociais. Entregaranse en total 14 premios de Fin de Semana Outono Gastronómico e 1.400 carballos.
Segundo explicou Trenor, esta campaña é unha aposta polos produtos turísticos galegos máis consolidados, deseñada para dinamizar a demanda turística despois da época estival. Neste senso, destacou que “o éxito obtido nas edicións anteriores consolida este programa como unha proposta ben contrastada e demandada polo público e polas casas rurais de Galicia” Así, engadiu, que “neste ano 2022, dado o gran éxito de afluencia turística na etapa estival na que se alcanzaron récords de ocupación, se prevé unha gran demanda nesta nova edición do Outono Gastronómico”.
Para o delegado da Xunta, a campaña que conta con 73 casas rurais adheridas en Galicia, das cales 22 están ubicadas na provincia da Coruña, é unha boa proba de que a colaboración público-privada no ámbito do sector turístico xera riqueza para o territorio e contribúe a dinamizar a nosa gastronomía e á promoción de produtos como os viños e os licores tradicionais da nosa comunidade.

Modalidades e programa de fidelización
O programa Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia permite gozar dun menú así como contar co aloxamento aproveitando a gastronomía que presenta cada establecemento. Así, contémplase desde a posibilidade de cear nun dos establecementos adheridos ao programa (Menú Outono Gastronómico) a un fin de semana outono gastronómico (Paquete ou Fin de Semana Outono Gastronómico).

Tamén se ofrece o Outono plus, co que algunha das casas participantes, ademais da restauración e o aloxamento, porán á disposición dos seus clientes distintas outras actividades complementarias como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo, visitas culturais, entre outros.

Ademais, todas as casas rurais participantes incluirán nos seus menús produtos galegos con certificación de calidade avalados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.

Toda a información sobre a campaña, establecementos adheridos e modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.