― Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, xunto co Concello de Arteixo, executaron inspeccións para detectar a orixe do foco, que estaba nunha fisura no colector que discorre pola zona
― Para solucionar estas carencias, o Concello procedeu á reparación do colector afectado
― Os inspectores autonómicos verificaron recentemente a emenda do vertido, tras confirmar ausencia de caudal no punto de achega ao río e o selado do colector
A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais cara ao río Bolaños, no lugar do Rañal, no concello de Arteixo.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, desprazáronse á zona e comprobaron mediante analíticas as achegas contaminantes. Para detectar a orixe do foco levaron a cabo varias campañas de inspeccións xunto a técnicos do Concello de Arteixo.
Tras o seguimento deste punto, con sucesivas mostraxes que confirmaron contaminación nas augas, localizouse a orixe das achegas nunha fisura no colector de auga residual que discorre pola zona.
A fuga das augas residuais a través desa fisura filtraba cara á condución que evacúa ao río, acadando o curso fluvial. Para solucionalo procedeuse á reparación do colector afectado.
Os inspectores autonómicos realizaron unha visita recente á zona, transcorrido o prazo indicado, e constataron a emenda do vertido, ao confirmar ausencia de caudal no punto de achega ao río e o selado da fisura no colector municipal.