Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o concello de Oza-Cesuras avanzan na tramitación da nova Senda do Río Mendo


O obxectivo da actuación, cun horizonte de execución bianual, é poñer en valor esta zona do concello desde o punto de vista medioambiental, ao tempo que se explora o seu posible aproveitamento turístico e de ocio

A Xunta de Galicia e o Concello de Oza-Cesuras avanzan na tramitación da nova senda do río Mendo para poñer en valor esta zona fluvial e a súa contorna, logo da reunión que mantiveron recentemente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Pablo González.

O obxectivo da actuación, cun horizonte de execución bianual, é poñer en valor esta zona do concello desde o punto de vista medioambiental, ao tempo que se explora o seu posible aproveitamento turístico e de ocio.

Neste sentido, os traballos, cuxo orzamento estimado polo Concello rolda os 475.000 euros, incluirán, entre outros, tarefas de recuperación e limpeza nas marxes fluviais e eliminación de especies invasoras co obxectivo común de conservar e protexer a riqueza do río e da súa contorna.

Así mesmo e tendo en conta que a zona na que o Concello quere intervir destaca polos seus importantes valores ambientais, o anteproxecto prevé a creación dunha senda fluvial que permitirá gozar da contorna e atraer novos visitantes a través da aposta por un turismo verde e sostible.

Pola súa parte, a conselleira salientou a notable compoñente medioambiental do proxecto, que encaixa no obxectivo da Consellería de poñer en valor o patrimonio natural de Galicia a través da busca dun equilibrio entre a súa imprescindible protección e conservación e un goce e uso público compatibles. Por iso, acordaron seguir traballando a nivel técnico para poder concretar os termos da colaboración.