Friday 22 de November de 2024

O PP de Cambre pide ao Goberno Local máis apoio para as festas patronais


– Consideran que o enorme esforzo que despregan os organizadores durante meses para manter as tradicións festivas contrasta coa absoluta falta de motivación do goberno municipal, cada vez máis distante e evasivo coas que sempre foron e debesen seguir sendo, as festividades centrais e de referencia do Concello.

– Critican o feito de que nas festas de Santa María tan só estivese habilitado un único sanitario móbil para dar servizo a miles de persoas, que resultou ser “un foco de infección “ debido á sucidade e excrementos acumulados, que – apuntan- chegaron a desbordar a cabina, discorrendo pola vía pública.

– Propoñerán ao goberno local que examine a posibilidade de instalar sanitarios públicos en puntos estratéxicos do municipio de maior afluencia, tanto a fin de evitar situacións similares, como de prestar un servizo regular a veciños e visitantes.

Ás poucas semanas da celebración da maior parte das diferentes festas patronais de Cambre, os populares da localidade exporán ao goberno nopróximo pleno municipal que se incrementen os medios de colaboración municipais cos organizadores, tales como maior dotación de sanitarios móbiles, persoal de apoio técnico e maior axilidade na tramitación dos expedientes asociados ás celebracións.

Denuncian especialmente que o empeño das comisións de festas para ofrecer aos veciños os mellores festexos como punto de convivencia e lecer choca coa escasa implicación do goberno municipal, circunstancia que se observa no feito de que as dificultades organizativas das comisións móstranse
cada vez maiores, mentres que o impulso e cooperación municipal é cada vez menor.

Destacan, como mostra de tal pasividade, o feito de que nas festas patronais de Santa María, que se celebran na parroquia de Cambre entre osdías 14 e 17 de agosto, o Concello tan só instalou un único sanitario, co que a acumulación de residuos fecais e a carencia de limpeza orixinou, non só os consecuentes malos cheiros, senón tamén un perigoso foco de insalubridade e infeccións a escasos metros do lugar no que se situaba o público.

“ A saturación da cabina sanitaria foi tal que chegou mesmo a provocar o desbordamento do W.C , cuxas augas chegaron a fluír pola vía pública ante a indiferenza do goberno local “ – Relatan- .

Pola súa banda, numerosos foron os locais de hostalería dos arredores que tiveron que soportar interminables colas nos seus baños e dedicar persoal adicional á continua limpeza e desinfección, asumindo funcións desproporcionadas en relación coas habituais neste tipo de celebracións.

De igual modo, indicaron que, o último día da festa , a única cabina sanitaria existente estaba disposta sobre un chanzo que a mesma se ía desprazando e inclinando co tránsito de usuarios. “Se envorcase a cabina podería ocorrer unha desgraza” – Sinalan-.

Á vista das queixas recibidas por parte de numerosos veciños e locaishostaleiros, os populares propoñerán ao goberno municipal que os servizostécnicos municipais estuden a posibilidade de instalar sanitarios públicos en puntos estratéxicos de maior afluencia en eventos e que, ao tempo, sirvan para dar servizo regular a veciños e visitantes.