Preto de 350 rapazas e rapaces comezaron este xoves o curso 2022-23 no CPI de San Sadurniño, o primeiro no que xa non terán que levar máscara nas aulas e no que, máis ou menos, se recuperará a normalidade prepandémica. A xornada de onte foi de presentacións e hoxe, ás portas da fin de semana, o ambiente era de comezo suave coa promesa de arrancar o luns xa a tope coas materias. Malia que o alumnado non o notou, no centro houbo múltiples cambios aquí e acolá, todos eles relacionados con obras de conservación acometidas polo Concello co obxectivo de que todo estivese a punto para o comezo do curso. Neste sentido, a Administración local dedicou cerca de 20.000 euros a reparacións nas últimas semanas, mentres segue reclamando que a Consellaría de Educación asuma o compromiso de levar adiante obras de maior calado que precisan os edificios de Primaria e Secundaria, sobre todo en materia de illamento e eficiencia enerxética.
Tal e como explica o alcalde, Secundino García, o Concello “está asumindo todos os veráns cantidades importantes en reparar aseos, facer pintados, amañar fiestras e persianas e outras pequenas cousas que supoñen unha derrama constante e que en moitos casos quedarían solucionadas cunha intervención integral, sobre todo no edificio de Educación Primaria, que o ano que vén fará 50 anos”.
Neste sentido, o rexedor reitera que o Concello “seguirá insistindo” na demanda “de melloras nas instalacións” e avanza que proximamente tamén se preparará unha memoria valorada “para solicitarlle á Consellaría a renovación da cuberta do patio e o pavimento na área de Educación Infantil”.
Durante as vacacións da rapazada, o consistorio levou a cabo tarefas de conservación en ambos edificios e na súa contorna, entre elas a reparación de persianas, portas e de pequenos desperfectos en aseos; a substitución de canalóns e baixantes en Secundaria para solventar as humidades no ximnasio; o arranxo e mantemento da caldeira da calefacción; a substitución de elementos no patio de Infantil; a reparación de canastas e a colocación de rellas metálicas no valado da pista polideportiva inferior; a limpeza do sistema de drenaxe do aparcadoiro, xunto con reparacións puntuais no seu firme, etc.
O importe total dos traballos “achégase aos 20.000 euros, a pesar de que unha parte importante das reparacións fíxoas o conserxe con material mercado polo Concello”, explica García, quen sinala que todas as actuacións tiveron como obxectivo “que as cativas e cativos poidan aprender nunha escola nas mellores condicións e que o profesorado conte cunhas instalacións axeitadas para facer o seu labor”.
O alcalde incide en que de cara ao curso que arranca “vai manterse e incrementarse” a colaboración co centro de ensino para desenvolver distintas actividades “coa aula CEMIT, outras relacionadas co Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, coa horta de conservación de froiteiras e cos servizos técnicos da área de Igualdade e Benestar social, que xa veñen mantendo unha relación moi estreita co centro desde hai anos”.
Secundino García apunta que a dirección do centro solicitou nunha xuntanza mantida antes do inicio do curso que o pavillón municipal puidese seguir utilizándose como espazo complementario para o lecer dos nenos e nenas de primaria nos días de choiva. “O Concello accedeu a esa petición, pero tamén lle solicitamos ao equipo directivo o seu apoio para demandarlle á Consellaría que asuma a limpeza dunhas instalacións que polas tardes empregan outras usuarias e usuarios”.
Por outra banda, o alcalde tamén quixo poñer en valor as obras de mellora da accesibilidade acometidas polo Concello recentemente para comunicar polo exterior o patio cuberto e o novo acceso ao pavillón. Un cambio que se aproveitou para protexer das inclemencias atmosféricas as esperas do alumnado nos momentos de entrar ou saír da escola.