Friday 22 de November de 2024

Arranca en Bruxelas o programa de formación en financiamento comunitario que formará a 25 profesionais galegos


O director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, inaugurou o curso, que pretende fomentar a participación galega en proxectos europeos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, inaugurou hoxe o programa de especialización en financiamento comunitario que durante esta semana formará en Bruxelas a máis de vinte profesionais de entidades públicas e privadas galegas. O director xeral salientou a necesidade de que os actores galegos coñezan estes fondos e saiban como acceder a eles.

Esta actividade enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos. Os asistentes recibirán formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, ademais de visitar a Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Comité das Rexións (CdR) e o Comité Económico e Social Europeo (CESE) co obxectivo de coñecer de primeira man o funcionamento das institucións europeas.

A FGE convocou a finais de xuño este programa destinado á formación de 20 persoas na súa oficina de Bruxelas entre os días 22 e 25 de setembro. Máis de 70 profesionais presentaron as súas candidaturas, polo que, tras elixir aos 20 seleccionados seguindo criterios de experiencia, formación e interese da entidade, decidiuse ampliar en cinco o número de prazas, dando a posibilidade aos primeiros postos da lista de reserva de participar prescindindo da cofinanciación da FGE.

Perfís dos participantes
Finalmente, 25 técnicos de entidades públicas e privadas galegas participan esta semana neste programa de especialización, pertencendo máis da metade a entidades membro do padroado da FGE (Xunta de Galicia, Cámaras de Comercio, Consorcio Zona Franca de Vigo, Abanca e as deputacións de Lugo e Coruña). O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), os concellos de Lugo, Santiago de Compostela, Ribadavia e Ourense, SOGAMA, as dúas Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) que existen en Galicia (Galicia-Norte de Portugal e Chaves-Verín), a Asociación de Desenvolvemento Rural do Baixo Miño, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), e dous centros de FP son as outras entidades galegas que participarán no programa.

O curso desenvolverase na oficina da FGE en Bruxelas e comezará cunha introdución sobre a realidade político-institucional da UE, para despois centrarse no marco orzamentario comunitario 2014-2020 así como en aspectos máis prácticos como o procedemento para solicitar financiamento comunitario para poñer en marcha proxectos europeos.

Precisamente o obxectivo último deste programa é o fomento da participación galega en proxectos europeos, formando responsables de asuntos comunitarios que sexan quen de crear redes entre estes técnicos de asuntos europeos en Galicia, promovendo a súa colaboración e sacando así o máximo proveito posible ás oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.