A inscrición, que é gratuíta, xa está aberta.
O Concello da Laracha, co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, promove o proxecto A Laracha activa e o mar de Caión, iniciativa que pretende os obxectivos de reforzar os valores ambientais e patrimoniais do litoral caionés ao mesmo tempo que dinamizar o turismo. Entre os contidos de dito proxecto está o desenvolvemento ao longo da segunda quincena de setembro dun novidoso programa medioambiental na vila que incluirá actividades dirixidas a todos os públicos, especialmente ao familiar.
A primeira proposta será a realización de obradoiros sobre a colleita artesanal de algas e a salgadura do peixe. Cada sesión inclúe ambas actividades coa posibilidade de anotarse en calquera destas tres quendas:
• Venres 16 de setembro: 17:00 a 20:30 h
• Sábado 17 de setembro: 10:30 a 13:30 h e 17:00 a 20:30 h.
Outro dos contidos será a realización de camiñadas consistentes en rutas interpretativas polas sendas do mar de Caión. Partindo da Confraría de Pescadores, realizaranse por espazo de tres horas percorridos guiados de apenas catro quilómetros de distancia e de dificultade baixa. Haberá dúas quendas, o domingo 18 e o sábado 24, ambas no mesmo horario de 10:30 a 13:30 h.
En ambas iniciativas as prazas dispoñibles son limitadas. A inscrición xa está aberta e pode formalizarse vía telefónica (981604324 ou 981605001) ou enviando un correo electrónico a turismo@alaracha.gal indicando o nome, DNI, idade, enderezo e teléfono de cada asistente.
O programa complétase coas xornadas de portas abertas sobre oficios da pesca artesá que se van realizar no centro sociocomunitario. Comezarán o venres 23 de 19:00 a 21:00 horas co acto de inauguración, a presentación do programa A Laracha activa e o mar de Caión e tres conversas sobre o pasado, o presente e o futuro do mar a cargo dos historiadores Marcos E. Amado e Fernando Patricio Cortizo e de profesionais do sector pesqueiro. Ademais, nesa fin de semana (sábado 24 e domingo 25) poderase visitar a exposición en horario de 10:30 a 13:30 h e de 17:00 a 20:30 h.