Friday 22 de November de 2024

O Concello presenta unha nova edición dos Orzamentos Participativos, cunha proposta de investimento de 2,5 millóns de euros para todos os barrios


A cidadanía poderá propor e escoller investimentos para todo o ámbito da cidade por valor de 1 millón de euros e actuacións por un valor total de 1,5 millóns de euros para implantar en cada un dos distritos

A partir do 12 de setembro poderán presentarse as propostas para a cidade e os barrios tanto na web do Concello como de xeito presencial nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum

O Goberno de Inés Rey pon en marcha unha nova edición dos Orzamentos Participativos cos que a cidadanía poderá escoller investimentos a realizar na cidade con cargo ao orzamento municipal do ano 2023. A cifra de investimento definitiva se establecerá tras a rolda de contactos para a preparación do orzamento do ano que vén, mais o Goberno municipal propón dotar inicialmente o programa con 2,5 millóns de euros. Por un lado, a veciñanza poderá propor e escoller investimentos de ámbito municipal por valor de 1 millón de euros e tamén poderán propor e escoller investimentos por un valor total de 1,5 millóns de euros a repartir nos distintos barrios da Coruña, a razón de 150.000  euros para cada un dos dez distritos censuais.

Na presentación desta nova edición de Na Coruña Contas, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, subliñou a importancia desta iniciativa de democracia participativa na que se aprecia cada vez unha maior implicación dos veciños e veciñas da  cidade. “O ano pasado a participación aumentou un 20 % con respecto á edición anterior e este ano agardamos recibir aínda máis propostas para a cidade e os barrios”, dixo Neira.

A concelleira destacou que “o programa facilitará novamente a participación mediante canles presenciais para que ninguén quede fóra”. Así, na fase de recollida de propostas, pódese participar a través da plataforma web nacorunacontas.coruna.gal, pero tamén se poderán presentar propostas nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum.

Igualmente, na fase de votación, ademais de poder votar mediante a plataforma web, a cidadanía terá a opción de depositar o seu voto en determinados puntos da cidade nos que se habilitarán urnas, ampliando este ano de tres a seis o número destes puntos de votación presencial. En calquera das modalidades de participación, será preciso verificar o empadroamento no municipio.

Na Coruña Contas desenvolverase en tres fases. A primeira, que comezará o vindeiro luns día 12 de setembro e chega ata o 26 de setembro, será a de presentación de propostas.
Unha vez recibidas, os técnicos municipais validarán aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.

A seguinte fase, cos primeiros apoios, terá lugar entre os días 6 e 18 de outubro, e nela calquera persoa maior de 16 anos empadroada na Coruña poderá votar polos proxectos de ámbito municipal da súa elección e por proxectos de barrio en tres distritos. Nesta fase do proceso, os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido.

A terceira e última fase, coa votación final, levarase a cabo entre os días 11 e 23 de novembro e nela cada votante poderá apoiar proxectos de cidade que non supere o límite orzamentario de 1 millóns de euros do plan e outros proxectos para tres distritos cun máximo de 150.000 euros por distrito. Aquelas propostas que acaden máis votos, tanto das de cidade como das de cada un dos distritos censuais, incorporaranse ao proxecto inicial de Orzamento Municipal da Coruña da anualidade 2023. Os resultados publicaranse a partir do 25 de novembro.

Nesta primeira fase de achegas, celebraranse dous eventos de rúa en diferentes espazos da cidade. Estes puntos servirán para difundir o programa, así como para recoller as propostas e favorecer a participación das persoas que se acheguen.

Ademais, organizaranse tamén encontros específicos presenciais dirixidos a aqueles sectores con menores taxas de participación. Así pois, ofrecerase ás entidades asociativas do municipio a posibilidade de celebrar un destes encontros tanto para os seus membros como para as persoas usuarias e beneficiarias das súas accións.

Como en edicións anteriores, todas as persoas empadroadas no municipio da Coruña maiores de 16 anos poden participar neste programa propoñendo, apoiando e votando propostas. Para participar a través da plataforma web, é necesaria a creación dunha conta de persoa usuaria, que deberá verificarse. No caso de ter participado en anteriores edicións, non será preciso este paso, xa que a conta permanece activa dende edicións pasadas.

Excepcionalmente, na fase de achegas e na de votación non será precisa a creación de dita conta para poder participar a través das outras vías habilitadas, isto é: a presentación de propostas mediante rexistro municipal e o voto final mediante urna.