A edil Mariela Aguilar anuncia que o vindeiro domingo procederase á limpeza do río Vaa, no marco da campaña “Móllate polos ríos”
A Concellería de Medio Ambiente de Fene, en colaboración co Concello de Neda, a asociación Los Delfines e a empresa Tragsa, participou nunha xornada de limpeza das beiras do río Belelle. A inciativa, que consistiu no desbroce de maleza e recollida de lixo, centrouse fundamentalmente nos treitos do río que abranguen dende a Fervenza cara o mirador, no Concello de Fene, e inmediacións do merendoiro, no Concello de Neda. Segundo informou a concelleira de Medio Ambiente de Fene, Mariela Aguilar, traballadores do Concello continuaron coa limpeza das beiras do Belelle ao longo desta semana.
Finalizadas estas tarefas de limpeza, a Concellería de Medio Ambiente procederá en breve a repoñer os carteis que faltan ou que están deteriorados nesta paraxe natural do Concello de Fene. Os novos carteis incluirán unha descripción da flora e da fauna que rodea o río Belelle.
LIMPEZA DO RÍO VAA
O Concello de Fene , en colaboración con distintas sociedades medio ambientais do termo municipal e comarca –Adega, Aetna e Los Delfines- e a empresa Tragsa, promoven de cara ao vindeiro domingo a limpeza do río Vaa, iniciativa que se enmarca na VIII xornada de limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos”, impulsada por Adega no marco do Proxecto Ríos. Esta campaña, que se desenvolverá en 40 concellos de toda Galicia, pretende concienciar á poboación na conservación do medio ambiente, á par que se busca librar as canles dos ríos de entullos e restos contaminantes.
Todas aquelas persoas que queiran participar, de xeito voluntario, na limpeza prevista no río Vaa para o vindeiro domingo, 27 de setembro, débense poñer en contacto ao longo desta semana coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Fene (Tfno. 981 492 707)