A lámina presentada por Sara Martínez Narváez resultou a gañadora do concurso de carteis para a promoción das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán impulsado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).
Francisco Javier Caamaño, María Martínez, Aida López, Xoán Fernández e Paola García integraron o xurado, vencellado ao ámbito do deseño e da cultura, que acordou no 8 de setembro outorga-la distinción a esa obra, por destacar “a orixinalidade e o impacto visual que lle transmite a este xurado, pola utilización dunha linguaxe moderna e actual.”
O premio consiste na publicación da lámina e unha dotación económica de 700 euros, do cal se fará entrega no día da presentación da nova edición das xornadas dedicadas ao intelectual.
Ademais, realizarase unha futura exposición cos 17 traballos presentados.